Abandonado de madrugada ás portas do HVdX sendo positivo
Un erro informático, un erro de comunicación, ou un erro de vontade. Non sabe moi ben que pasou, só que, sendo positivo, e tras darlle a alta no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee ás 1:30h, deixáronno alí, coa súa familia confinada, sen unha ambulancia que o devolvese ata a súa vivenda en Corcubión.
Elías Outes é veciño de Corcubión pero traballa en Vigo. Chegoulle o positivo o pasado venres, polo que foi confinado na vila de San Marcos. Os síntomas foron a máis cando o pasado mércores séntese tan mal que ten que chamar ao 061, que xa lle alertan que ten que poñer o Centro de Referencia en Corcubión. A ambulancia trasládao ao Hospital Virxe da Xunqueira, onde lle dan tratamento, conseguindo unha boa mellora en poucas horas.
É a 1:00h da madrugada cando lle dan a alta. “Pregúntanme como viñen, dígolle que en ambulancia, pois o meu núcleo familiar tamén son positivos e están illados, polo que chama a ambulancia. Salta de novo a alerta, que se o seu centro de referencia é Vigo pode haber problemas para enviala.
Media hora despois, a administrativa trasládalle que a ambulancia lle é denegada, “porque a a plataforma tecnolóxica non lle deixa pedila, e me din que teño que cambiar os papeis… Como vou a cambiar os papeis se é a 1:30h da madrugada?”. Cóntalle de novo a situación pero “médico insíste e méteme fóra, que estou de alta e teño que marchar. Como pode pasar iso? Un positivo en covid, feito polvo, abandonado á miña sorte, que teño que volver á miña casa, incumprindo as normas e os peches perimetrais por un fallo??”, sinala con total cabreo. “Non podo coller un taxi, non puiden pedir sequera unha folla de reclamacións porque os covid non nos podemos achegar ao mostrador… Unha vergonza”, denuncia.
Finalmente consegue voltar á súa casa gracias a un amigo, que se achega ata o Hospital, tamén incumprindo os peches, deixando o coche en marcha ás portas do centro sanitario, para que Elías volva á súa casa, nunha crúa noite, chovendo, e nun estado de saúde bastante precario.
É certo que un día despois recibín a chamada do Hospital pedindo perdón, dando instrucións de que non volva ocorrer. Pero deixelle claro que cando a miña saúde mo permita vouno denunciar pertinentemente, e lle dixen que ela faría o mesmo, porque hai que ser crítico co sistema para que non volvan acontecer estes graves sucesos”, explica.