O programa de Nadal de Cabana
Cabana organiza unha programación deseñada para que desde este domingo, 7 de decembro, ata o luns, 5 de xaneiro, a veciñanza teña alternativas de ocio para todo tipo de públicos. As familias que o precisen tamén contarán co programa Meniñeiro de Nadal, dirixido á cativada de Educación Intanfil e Primaria para favorecer a conciliación familiar.
O domingo, 7 de decembro, o festival ‘XXI Tempos de Nadal’ será a actividade que poña o punto de partida á programación de Nadal de Cabana ás 18:30 horas no auditorio municipal. Nese mesmo emprazamento, terán lugar o festival de panxoliñas ‘Abrazando o Nadal’ o venres, 12 de decembro, ás 19:00 horas.
O sábado, 13 de decembro, no Dolmen de Dombate celebraranse numerosos obradoiros tanto pola mañá como pola tarde. A partir das 10:00 horas, Leandro Lamas impartirá a masterclass ‘A traxectoria e o universo’, dirixida para a cativada de a partir de 11 anos. Ás 11:30 horas terá lugar ‘A maxia do trazado’, o segundo dos talleres do día dirixido á rapazada de máis de 11 anos. Ambos requieren dunha inscrición previa con data límite o 10 de decembro.
Ese mesmo día 13, en horario de tarde, os obradoiros continuarán da man de Dara Store, quen organiza ás 16:30 horas o taller decorativo ‘Creación Nadal’ e ás 18:30 horas ‘Os Reis Magos’. Os dous están orientados para nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria. Ao día seguinte, o domingo, 14 de decembro, Raquel Queizás estará ás 18:00 horas no auditorio municipal coa súa función ‘A viaxe de Nano’.
O Poboado de Nadal chega o sábado, 20 de decembro, á aldea de Riobó ás 17:00 horas para encher de maxia o lugar. A xornada contará coa función de teatro ‘Saabor de Nadal’, cun Belén Vivente, cun concerto de Pakolas e con cantos de Nadal. Ademais, recibiremos a visita do Apalpador.
O domingo, 21 de decembro, Uxía Senlle trae a súa música e talento ao Dolmen de Dombate co ‘Concerto con encanto de Nadal’. A actuación comezará as 18:30 horas e é preferible anotarse antes do día 12, en caso de non ocupar todas as prazas, a asistencia sen entrada estará dispoñible ata completar aforo.
O domingo, 4 de xaneiro, a maxia volve a Cabana coa cabalgata dos Reis Magos. As carrozas pasarán por todas as parroquias do Concello en dúas quendas: de 10:30 a 13:55 horas, percorrerán os lugares de Borneiro, Canduas, Neaño, Cesullas e o Local Social de Anos; mentres que de 15:15 a 18:30 horas, pasarán por Cundíns, Nantón, Taberna da Mata, Corcoesto, Silvarredonda e Taberna de Beres.
O luns, 5 de xaneiro, como derradeiro día da programación, despediremos o Nadal por todo o alto coa visita dos Reis Mago, quen estarán pola mañá na Escola Infantil Municipal “A Casa dos Títeres”, pasando máis tarde polo “Centro de Día” de Neaño.
Ese mesmo día, pola tarde, o pavillón municipal encherase de inchables e obradoiros infantís a partir das 17:00 horas como entretemento ata as 19:00 horas, momento no que aparecerán os Reis Magos para recibir ás cativas e aos cativos. A xornada estará amenizada polo grupo O Son do Castro.