luns. 24.11.2025
El tiempo

Un proxecto internacional axuda a deseucaliptizar o Monte Santo André en Corcubión

erasmus_corcubion3
Un proxecto internacional axuda a deseucaliptizar o Monte Santo André en Corcubión

Armados con machados, unha vintena de persoas de varios países colaboraron na eliminación de especies invasoras no Monte Santo André. Tratábase dunha nova xornada deseucalitizadora no marco do proxecto europeo “De monte a monte: territorios resilientes”, que contribúe a restaurar os montes municipais da contorna e convertir á vila de San Marcos nun laboratorio ao aire libre, na investigación fronte o cambio climático, incendios forestais e perda de biodiversidade.

A xornada desenvolveuse en colaboración coa Asociación Boca de Sapo e co Concello de Corcubión, que impulsan desde fai anos a restauración ambiental dos montes Cambeiro e Santo André, na contorna do núcleo urbano.

Na parte da mañá, unha vintena de participantes chegados de distintos puntos da xeografía galega, así como de Bulgaria e Francia, realizaron unha experiencia para a erradicación de eucalipto e acacia negra no Monte Cambeiro.

Posteriormente, fíxose un percurso polo proceso de intervención ambiental e cultural no Monte Cambeiro, como exemplo de restauración da natureza na interface urbano-forestal. Trátase dun terreno municipal contiguo ao casco urbano que previamente estaba cheo de especies invasoras e que se transformou nun espazo resiliente e aberto á veciñanza.

erasmus_corcubion4

O proxecto “De monte a monte”, financiado pola Unión Europea, está coorganizado pola Fundación Montescola, Verdegaia e Veredas da Estrela, combinando xornadas práctico-teóricas, bioblitzs, formación forestal e visitas de intercambio a ambos os lados da raia. As atividades continuarán até abril de 2026 para descubrir distintas técnicas e experiencias que fortalezan a resiliencia social e ambiental das comunidades. O proxecto está aberto ao público en xeral e as participantes recibirán unha acreditación da formación recibida finalizado o mesmo.

erasmus_corcubion1

Máis novas

Comentarios