Sábado. 20.04.2024
El tiempo

#ACostadasBaleas, en marcha un documental interactivo sobre Caneliñas

Paula Castineira e Maria son Canelina
Paula Castiñeira e María González Figueroa
#ACostadasBaleas, en marcha un documental interactivo sobre Caneliñas

Paula Castiñeira (Toba, Cee) (parte da familiaQPC) e María González Figueroa (Cee) sempre sentiron unha relación singular coa baleeira de Caneliñas. Nadas no 1997 e no 1998, sempre escoitaron as historias dun lugar que xa levaba case 20 anos abandonado. Teñen agora a ocasión de mergullarse de cheo na súa historia a través do Traballo de Fin de Máster, que fan conxuntamente.

A idea é crear un documental interactivo, unha proposta pioneira, sobre última factoría baleeira activa en toda Europa.

Falamos con elas, pero xa podedes seguir á @acostadasbaleas en Instagram, e tamén no Tw e Facebook, onde comezarán a debullar a historia en breve.

 
  • QPC: Antes de nada, que é o que vos chega a dúas rapazas de 20poucos anos coma vós, veciñas de Cee, sobre esta abandonada instalación? Que nocións tiñades da baleeira antes de empezar todo isto? Que era Caneliñas para vós?

Caneliñas para nós sempre foi un sitio bastante emblemático que gardaba tras de si unha historia descoñecida. Nós, como moita outra xente da zona, apenas sabíamos nada sobre a baleeira e a súa relevancia para toda a zona antano. A veces case custa crer e imaxinarse que puidesen cazar animais tan grandes nun espazo tan singular e reducido. María si coñecía algo máis do acontecido en Caneliñas, a súa avoa traballou alí durante moitos anos e sempre lle contou moitas anécdotas que viviu na baleeira. Isto formou parte da historia da súa familia, ao igual que de outras moitas da contorna.

 
  • QPC: Como nace a idea de facer o TFM sobre a baleeira?

Pois nun principio a idea xurdiu dun traballo para clase. Mandáronnos pensar unha idea de proxecto sobre un tema en concreto a través de novas narrativas xornalísticas e desenvolver como a levaríamos a cabo tendo en conta que sería algo que non se realizaría. Entón, nós que sempre que podemos intentamos tirar para casa, entre varios dos temas que pensamos para desenvolver este foi o elixido. Ao final, cando presentamos o traballo gustoulle un montón ao noso profesor e animounos a facelo realidade polo que decidimos xuntarnos e crear o proxecto para presentalo como traballo de fin de máster.

Ademais, outra das motivacións para facelo foi que o tema da baleeira sempre foi algo que ten sona na nosa zona pero moi poucos coñecen realmente toda a historia que hai detrás. Outros mesmo non saben nada do que pasou nesta costa. Por iso, pareceunos moi importante visibilizar a historia industrial da zona e dar a coñecer o que foi un dos motores económicos da Costa da Morte durante moitos anos, chegando mesmo a situar a Cee no panorama internacional.

 
  • QPC: Como se vos ocorre o concepto interactivo? Que tendes na cabeza que poida escoller o espectador?

Como dicíamos, a idea xurdiu primeiramente da asignatura que xa se centraba neste tipo de narrativas e, por outra banda, pensamos que este sería un dos mellores xeitos de facer partícipe á xente no que lles estamos a contar para que todos poidan somerxerse de cheo na historia. Aínda estamos en proceso de desenvolver todo o relacionado coa navegabilidade do espectador no documental pero intentaremos que este poida sentir dende a súa casa o que foi vivir neste ambiente baleeiro.

 
  • QPC: Xa estiveches facendo as primeiras sesións de investigación, falando con veciñas da zona. Como está sendo a recepción, de mulleres tan singulares como Fina?

Pois polo momento a verdade é que nos estamos sorprendendo coa boa acollida que está tendo o proxecto en xeral. Nótase que se trata dun tema que non está o suficientemente visibilizado; a xente que o viviu gústalle que o contemos e quen descoñece que pasou alí quere coñecelo. Chámanos a atención sobre todo o recibimento nas nosas redes sociais de Caneliñas, a costa das baleas, a xente comezou a compartir o traballo e a contactarnos para participar nel tan pronto publicamos o primeiro post. Estamos abraiadas e agradecidas por todas as mensaxes de agarimo e o apoio que nos están dando.

Tamén animamos a todos aqueles que queiran aportar os seus coñecementos ao documental a poñerse en contacto connosco a través das nosas redes ou do noso gmail [email protected].

 
  • QPC: Unha mágoa ter unha nave así de grande, absolutamente abandonada durante décadas, nun espazo singular como Caneliñas, non credes?

Si, por suposto. De feito un dos motivos polos que tamén nos pareceu boa idea tratar este tema foi axudar a fomentar o turismo da zona. Isto, xunto con que aínda fai pouco se falou dunha rehabilitación do entorno, pode que axude a facer que Caneliñas consiga un lavado de cara.

 
  • QPC: E para rematar, na vosa opinión, en que se debería convertir este espazo tan singular?

Pensamos que hai moitas cousas que se poden facer para non botar a perder un sitio coma este. Ben se podería aproveitar toda esa nave para rehabilitala e facer dela un museo con toda a historia de Caneliñas igual que fixeron en Bueu co Museo Massó. Tamén é certo que se poden facer moitas outras cousas e emprender outros proxectos pero quizáis aquí o interesante sería adaptalos para chegar a conectar estes novos emprendementos coa historia local e así non perder a esencia tan máxica que garda.

 

Novas relacionadas

Comentarios