Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Ainhoa Conde presenta o seu primeiro libro na casa

Ainhoa Conce libro cee
Ainhoa Conde presenta o seu primeiro libro na casa

A ceense Ainhoa Conde vén de estrearse no mundo da literatura. “Devotos do destino” é a súa primeira novela, que verá a luz este vindeiro sábado 18 de xuño ás 20:00 h. no Auditorio Baldomero Cores. A presentación contará cun espectáculo de imaxe, son, música en directo e historias relatadas dende unha perspectiva innovadora e orixinal, na que haberá pequenos detalles para os asistentes, xunto coa firma dos exemplares.

”Devotos do Destino” representa “unha amalgama de narrativa lírica, música, navegación, metafísica, reflexión interna e sentimentos por Galicia e mailo océano, cun ritmo áxil coma a viaxe dunhas ondas cara á praia, e profundidade coma o intervalo entre mareas”. Os fragmentos, baseados practicamente na súa totalidade, en vivencias persoais da autora, reflicten “66 historias de amor e desalento, loita, sacrificio, ledicia e morriña”. Preséntanse en forma de cancións que marcaron a traxectoria da escritora dende o ano 2017 ata a actualidade, adoptando a disposición dunha melodía infinita que compón a banda sonora do seu andar.

Ainhoa Conde (Cee, 1997), defínese como “galega” e “poeta de contrabando”. Graduada en Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo, traballa actualmente na Dirección General de la Marina Mercante (Madrid). Comezou a súa traxectoria literaria aos doce anos, logo de ser galardoada en múltiples ocasións en concursos locais de poesía e relato curto.

Gañadora con apenas 13 anos do Certame de Novos Talentos de Coca-Cola a nivel Galego, do X Certame de Relato Breve de Feiraco, entre outros, tamén conta con congratulacións a nivel fotográfico, coma no Concurso EnfocAmes 2021 e 2022.

 

Forma parte dos colectivos "Nova Poesía Guitirica" e "Asturias, Capital Mundial de la Poesía". Esta inspectora de Seguridade Marítima, amante do Océano e da Costa da Morte, presenta unha renovada perspectiva da narrativa lírica, mesturando diversas artes sobre o lenzo da palabra dun xeito que de seguro, non deixará a ningún lector indiferente.

 

Comentarios