Luns. 29.04.2024
El tiempo

Alumnos de Cee practican o seu portugués en Coimbra

Alumnos de Cee practican o seu portugués en Coimbra
Alumnos do IES Fernando Blanco de Cee no Patio da Universidade de Coimbra copia

Xa o ano pasado dabamos conta da viaxe lusófona dos alunos do IES Fernando Blanco a Portugal. Unha ocasión inmellorable para aprender os vínculos que nos unen co país curmán, e que serven para dar conta do aprendido nas clases de lingua portuguesa que imparte o mestre Serxio Iglesias e ás que se apuntan voluntariamente.

Este curso non faltou a excursión e un grupo de 35 alumnos e alumnas de 1º de bacharelato do IES Fernando Blanco, acompañados polos profesores Serxio Iglesias e Manuel Canosa realizaron unha viaxe de estudos a Coimbra. Como dicimos, estes estudantes asisten a clases de lingua portuguesa que se imparten no IES Fernando Blanco no marco das actuacións desenvolvidas no Contrato-Programa para o logro da excelencia académica, asinado polo IES Fernando Blanco coa Consellería de cultura, educación e ordenación universitaria.

O obxecto desta viaxe era ofrecer a oportunidade de que os estudantes practicasen os coñecementos de lingua portuguesa adquiridos durante o curso e que tivesen un contacto directo con estudantes portugueses da súa idade, ademais de visitar algúns lugares de interese en Coimbra e outras localidades próximas.

Durante os días que durou a viaxe estiveron hospedados na Pousada da Juventude en Coimbra, desde onde visitaron a Universidade, a Biblioteca Joanina e realizaron unha visita de intercambio á Escola de Secundária Dona Infanta Cristina, todas elas na cidade de Coimbra. Tamén tiveron a oportunidade de facer excursións ás ruínas e ao museo de Conimbriga, á cidade de Aveiro, e á localidade turística de Costa Nova do Prado, ao parque temático do Portugal dos Pequenitos e á cidade de Porto cunha ruta en barco polo río Douro.
Foi unha viaxe moi proveitosa desde o punto de vista académico e todos os participantes quedaron con gañas de repetir a experiencia.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios