Ana Oca tras unha beca en NYC aprendendo a “entender e dominar a espontaneidade en escena”

Ana Oca en NYC

Acaba de rematar a súa estadia en New York, e xa esá de volta con máis iñusión que nunca. Porque un curso na cidade máis incrible do planeta e ás ordes de John Strasberg cunha beca Fullbright non é pouca cousa. Aprendeu moito en materia literaria e teatral, e volve a casa con dous proxectos teatrais firmados, xa pensando na volta aos escenarios para este outono.

Falamos coa actriz ceense Ana Oca, a ver que nos conta da súa estadía e do seu futuro:

  • Ola Ana!! Seica estás de volta despois dun ano especial, supoño!! Cóntasnos un pouco que tal a experiencia?? Como valoras o ano na Fullbright?

Pois si! Cheguei fai case dúas semanas despois duns cantos meses por alí. Co que me atopo estes días é con algo bastante curioso, e é que é moi complicado para min poñer en palabras todo o que este ano supuxo para min, xa nin sequera no laboral, mais no persoal. Obviamente as miñas expectativas eran moi altas xa dende antes de saír de aquí, mais nada do que imaxinei antes tiña que ver sequera coa vida ca que me atopei alí.

É ben certo iso que din de que unha vez chegas a NYC, todo semella coñecido, porque o temos mais que visto en milleiros de series e películas dende ben pequeniñas: dende Spiderman, pasando por Billy Wilder e o seu “O Apartamento” ou unha Audrey fermosa en “Almorzo con Diamantes” ata “Sexo en Nueva York”, a cidade ocupou sempre un oco na miña consciencia, como se fose este lugar ao que quizais poder chegar algún día, pero que se me facía coñecido aínda sen ter estado nunca alí. Acadando esta bolsa, a Fulbright para a ampliación de estudos artísticos en acordo coa Xunta de Galicia, o soño fíxose realidade, e nun abrir e pechar de ollos alí estaba eu, camiñando polas mesmas rúas e bebendo café nas mesmas cafeterías polas que pasaron as artistas que definiron a miña maneira de entender o mundo. Os meses que pasei alí foron marabillosos, repletos de persoas brillantes e apaixonadas, de viaxes que non pensei poder vivir nunca (e moito menos coa miña idade), un clima extremo en todos os sentidos e centos de experiencias culturais e artísticas que me permitiron entender mellor que o mellor que pode facer unha é aquilo que realmente lle apaixoa. En resumidas contas, valoro o meu ano con cinco estrelas, con todo o bo e todo o malo, e recomendo encarecidamente a todo aquel que poida pedir esta bolsa de estudos.

  • Que foi o que máis che sorprendeu da escola?

Na escola aprendín falando, que como ben sabe quen me coñece é algo que fago moito, jejejejeje. Só tiven un mestre, un home chamado John Strasberg, que leva toda a vida aprendendo e ensinando aos actores como entender e dominar a espontaneidade en escena, e tamén fóra dela. A través do traballo de escenas, de mólogos, de análise de guión e de longuísimas conversas sobre a industria e a profesión, John ensinoume unha cara disto que fago que nunca antes vira. Penso que o prisma é infinito, e que sempre haberá máis caras que non coñezo, pero ter a oportunidade de aprender del na súa cidade natal é unha sorte, e o meu agradecemento cara a Fulbright e cara el é infinito. Traballei con actores e actrices profesionais no corazón de Times Square e arredor de pezas tan variadas como “Tío Vanya” de Chejov, “Barefoot in the park” de Neil Simon ou “Butterflies are free” de Leonard Gershe. O meu ano baseouse niso, en facer o que máis gozo: investigar, ler, escribir, actuar, coñecer novos autores, ir ao cine e ao teatro e falar moito sobre o arte. Un soño, non?

  • E xa no cotián. Como é vivir un ano en NYC? Onde vivías, como era un día calquera? Que cousas che gustaron máis e menos desta cidade tola e espectacular?

E xa se falamos de Nueva York…que podo dicir. Penso que todas as palabras se quedan curtas tratando de definir Nueva York. Hai unha para cada persoa. A miña é unha cidade eléctrica, que non para nin -26º baixo cero. É a cidade de Mamdani, dos bagels sentada nun banco do parque, das amizades xenuínas e das azoteas e os atardeceres mais fermosos que vin nunca. A cidade dos edificios infinitos, pero tamén das casas baixiñas e as arboradas de Brooklyn. A pesar do que diga o estigma, sempre atopei unha man amable alí, tranquilidade andando pola rúa, un tupper con muffins dunha veciña dándome a benvida ao meu novo apartamento, unha cervexa carísima e deliciosa nunha terraza do East Village ou un cine no que viaxar a outra época e lugar. Nueva York son todas as cidades nunha: todas as gastronomías e todas as persoas -as máis interesantes e as menos. Cústame pensar que unha cidade como esta sexa o pulmón dun país que apodrece sumido no capitalismo máis atroz e na corrupción dos seus políticos, porque dende a miña experiencia, (a de alguén que puido vivir alí grazas a unha bolsa de estudos) Nueva York é un oasis onde hai sitio para ti veñas de onde veñas, sexas quen sexas.

Un día calquera para min alí é un no que esperto, tomo un café enorme, móvome un pouco e saio a dar un paseo (se o día o permite). Despois vou a clase, leo ou falo coa miña “roomie” e saio de casa para reunirme con algunha amiga “downtown”. Seguramente imos ao cine, ao teatro ou ao asado dalgún amigo arxentino (que non, resulta que non é o mesmo que unha churrascada). Quizais imos de compras (de segunda man sempre, non hai mercadillo mellor que o de Cee, pero o mercado do “thrifting” da cidade compítelle de preto) ou a cear por Chinatown. O que ten Nueva York é que nunca sabes como pode acabar o teu día, sempre hai algo para sorprenderte, algún plan tolo co que acabar o día e volver á casa no metro pensando que a vida semella unha película case cada día.

A min gústanme as persoas: observalas, facerlles preguntas, debuxalas ou gardalas na miña cabeza como material futuro para alguna personaxe dunha peza de teatro. Para iso, non hai sitio no mundo mellor que a Gran Mazá. Sentar nun banco calquera para ver a xente pasar é, sen dúbida, a miña actividade preferida. E cousas que non me gustaran atopo poucas. Mesmo o lixo, os americanos maleducados, os cheiros curiosos ou as ratas fan da cidade o que é. Quen son eu para queixarme.

  • E agora… que?? Que proxectos tes por diante? Seica en outono xa estás sobre as táboas de novo?? Seica vas máis enfocada ao teatro, entón? Ou a tele e o cine seguirá presente na túa vida?

No que eu andaba por alí, chegáronnos moi boas novas á compañía da que formo parte: “Desattada”. Tres compañeiros e amigos da ESAD que nos xuntamos para facer o TFG (Lucía Satta, Jorge Destar e unha servidora), gañamos coa nosa peza orixinal “Dolce far niente” o 1º Premio no Xuventude Crea 2025. Ademais, formamos parte da Academia 2026 da Unión de teatros de Europa con residencias en Roma, Sofía, Praga e Tesalónika; como parte da nosa coprodución co CDG para a próxima tempada. Penso que os próximos meses veñen cheíños de teatro, que é o que máis gozo e me apetece. Ademais, traballo moi de preto con amigas, amigos e artistas aos que admiro profundamente e dos que aprendo algo todos os días.
O cine e a tele están aí tamén, por suposto! O que pasa é que para eses traballos teñen que elixirme… por mais que eu trate de meter a patiña. Eu sigo remando sempre, a ver se o vento nas veas acompaña. Ate entón, vémonos nos teatros!

Máis novas