A actriz Ana Oca súmase á nova temporada de “Pringadas”
A partir deste mércores 20 de novembro xa está dispoñible na plataforma AGalega o segundo episodio da nova temporada da serie dixital Pringadas, de Belén Puime (A Coruña, 1998).
A nova entrega desta serie realizada ao amparo do Carballo Interplay, como a premiada Pulp Air, ten ademais unha nova protagonista, e a nosa Ana Oca convírtese nunha pringada uníndose ao elenco da serie que conquistou á xeración Z galega.
Ana Oca (Cee, 2003) é unha actriz cunha prometedora traxectoria no audiovisual, formándose na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Comeza a súa carreira en Master Chef Junior con tan só dez anos, o que a levou a participar en varios programas da Televisión de Galicia, para despois traballar en titulos como El tiempo se come hasta los diamantes (Juan Lorenzo, 2020), La isla de las mentiras (Paula Cons, 2020) ou La voz del sol (Carol Polakoff, 2023).
Pringadas trata sobre a vida de tres compañeiras de piso que deben afrontar as problemáticas típicas da vida universitaria galega. Este capítulo protagonízao Antía, interpretada por Camila Ferreyra (Bos Aires, 2000), e no cal se tratarán as relacións amorosas, os coidados e as identidades LGBT.
Esta temporada de Pringadas está producida por Brava, a productora galega emerxente liderada por Cristela Torres (A Illa de Arousa, 1995) e Bea Villar (A Coruña, 1998), para a plataforma de CRTVG.