Antón Recamán reflexiona sobre o propio ser no seu segundo poemario “Alén do Corpo”
Xa nos mergullamos na súa obra con aquel “As mans atlánticas da ausencia” saíndo en plena pandemia, e hoxe volvemos facelo co segundo libro. Antón Recamán, ceense e docente de inglés no IES Terra de Soneira, sacaba á luz o pasado 25 de marzo o seu segundo poemario, Alén do Corpo, baixo o selo editorial Urutau.
Desta volta o limiar correu a cargo de Suso Bahamonde, “a quen agradezo enormemente non só ter escrito o limiar mais tamén o ánimo e o apoio que me prestou estes anos nos que veño amosando un pouco a miña escrita”, recoñece.
”O poemario nace dunha reflexión sobre o propio ser e de como este busca reafirmarse, sobre como un se pode construír a través do corpo mais tamén a través de todo aquilo que percibimos porén queda fóra. Ao cabo non só somos o que nos envolve fisicamente senón tamén todo o que podemos tocar, dicir, sentir, pensar ou incluso recordar”, explica.
Por isto o poemario está dividido en actos. “O primeiro acto supón o punto de partida do libro e logo, a partir de aí, cada acto pon o foco nun aspecto distinto relacionado co corpo que tivo ou ten certa relevancia nese proceso de reafirmación. Así pois hai un acto dedicado á memoria onde afondo en emocións do eu pasado e que serven, a día de hoxe, como áncora ou punto de partida. Hai outro acto que xira arredor da voz e de como podemos, ou non, chegar ao outro cunha ferramenta que, ao cabo, se o pensamos ben, é moi efémera”.
Radica aí a principal diferencia co primeiro poemario. ”As Mans Atlánticas da Ausencia aínda que ten unha coherencia temática non deixa de ser unha escolma de textos, unha selección de poemas que foron colocados un tras outro para facer un libriño. Desta volta, con Alén do Corpo, quixen construír un poemario pensado para ser precisamente iso, un poemario. De principio a fin. Creo que ten unha estrutura máis interesante e unha temática que intenta fuxir do que viña escribindo anteriormente aínda que, ao final, algún retallo sempre queda”, cóntanos.
Outra das novidades é que cada poema vén acompañado dunha fotografía. “As fotografías do poemario son todas miñas e se ben non teñen porque estar directamente relacionadas cos poemas contidos nese acto que abren si que son lugares de recollemento onde seguramente naceron algúns dos poemas do libro”.
Hai detalles curiosos no libro, como o feito de que a apertura de cada acto se sinale con páxinas en negro. ”Era importante para min que marcásemos ese peche e inicio de acto cun elemento visual; por un lado tiñamos as fotografías pero usando as páxinas en negro tamén temos unha sorte de telón que sobe e baixa e que marca moi ben esa diferenza. O traballo de edición que levou a cabo Wladimir Vaz foi excepcional”, conclúe.
O poemario está dispoñible a través da tenda da páxina web da editora: https://editoraurutau.com/ ou tamén por encarga en calquera libraría.
Podedes ver xa o Vídeopoema “Alén do corpo”, recitado por un compañeiro da editora, Samuel Merino