Aprobadas as obras de rehabilitación do Centro de Saúde de Cee

Leva décadas a veciñanza de Cee denunciando o pésimo estado do Centro de Saúde de Cee, de titularidade municipal. E se o ano pasado a Xunta realizou a renovación da caldeira, cun investimento de 60.190€, este ano vai afrontar un novo prodxecto de rehabilitación.
O Consello da Xunta autorizou a sinatura do acordo de colaboración entre a Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, e o Concello, no cal se establecen as bases para a reforma do centro de saúde do municipio, que suporá un investimento global de 322.000 euros.
As obras previstas teñen por finalidade a rehabilitación da envolvente da edificación para mellorar a eficiencia enerxética e a impermeabilización de parte dos elementos que a conforman.
Deste xeito, levaranse a cabo actuacións en carpintaría exterior de aluminio de ventás, coa súa renovación para o control da demanda enerxética; actuacións en carpintaría exterior de aluminio de portas para mellorar a accesibilidade ao centro de saúde e o PAC e en fachadas para mellorar o illamento térmico, ademais de pavimentación e impermeabilización do solo do patio interior e renovación da instalación de saneamento de pluviais.