Sábado. 27.07.2024
El tiempo

As dúas Galicias de Europa únense coas voces do ceense Rafa Vilar e o ucraíno Ostap Slyvnsky

As dúas Galicias de Europa únense coas voces do ceense Rafa Vilar e o ucraíno Ostap Slyvnsky
O ucraino Ostap Slyvynsky e o ceense Rafa Vilar O ucraino Ostap Slyvynsky e o ceense Rafa Vilar

Xa é unha referencia internacinal o ciclo de recitais poéticos Poetas DI(N)VERSOS da Coruña, que celebrea a súa 8ª edición. E precisamente a sesión inaugural terá lugar hoxe 24 de outubro, ás 20:30h, coma sempre no Auditorio do Centro Ágora da Coruña, e cunha temática moi costeira.

Este trimestre de outono abrirase con voces chegadas dende a Costa da Morte ata a Ucraína, nun man a man poético, aberto e gratuíto, de aproximadamente unha hora de duración. Conducido pola súa directora, a tamén poeta e dinamizadora cultural compostelano-coruñesa Yolanda Castaño, esta lectura pública de poemas logrará seducir tanto aos habituais amantes da poesía como a lectoras e lectores curiosos menos conectados con este xénero literario.

Os protagonistas serán Ostap Slyvynsky e Rafa Vilar, nados en Lvov e en Cee respectivamente e dúas voces capaces de abordar os acontecementos contemporáneos coa mesma delicadeza e capacidade de evocación. Despois de escoitar os textos galegos do ceense, o visitante lerá os seus versos no orixinal ucraíno, e a continuación soarán na voz de Castaño as traducións ao galego que esta vez foron elaboradas pola poeta e editora coruñesa Dores Tembrás. Un folleto políptico con mostras do traballo de ambos os dous autores e a posibilidade de adquirir os seus libros e solicitarlles unha sinatura enriquecerán o encontro. A programación poética da Concellaría de Culturas da Coruña coloca así ao mesmo nivel a produción poética en galego e o que se escribe hoxe no resto do mundo, nunha iniciativa que foi galardoada como a Mellor Iniciativa Cultural nos Premios da Crítica Galicia do 2014.

Ostap Slyvynsky é un dos protagonistas da renovación poética ucraína. Nado en 1978 na capital da antiga rexión de Galitzia, onde aínda reside e traballa como profesor universitario, este tamén poeta, crítico literario e ensaísta políglota é quen de traducir do búlgaro, do inglés, do macedonio, do polaco e mais do ruso.

Canto a Rafa Vilar (1968) el é unha das cabezas visibles da Xeración dos 90, do Batallón Literario da Costa da Morte, da editorial Letras de Cal e da plataforma Nunca máis, autor dunha ducia de poemarios e dono de premios coma o Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Cidade de Ourense.

Ciclo poético

POETAS DI(N)VERSOS segue a ser o único ciclo estable que –de xeito regular, neste caso mensualmente– acolle a poetas internacionais en toda España. Máis dun cento de autoras e autores en linguas das máis masivas ás minoritarias se teñen dado cita ante un público capaz de cuestionar o carácter elitista da poesía. Os encontros continuarán de xeito ininterrompido ata xuño. Por el, xa teñen pasado diferentes poetas costeiros.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios