As Torres de Mens, un BIC que abre as súas portas


Temos exemplos claros na Costa da Morte de edificios considerados como Bens de Interese Cultural (BIC) que non cumpren a lei e non abren as súas portas ao público uns determinados días ao mes. Estamos, sen ir máis lonxe, coñecendo a historia do Castelo do Príncipe con Víctor Castiñeira precisamente para solicitar a súa apertura.
Que dicir do veciño Castelo do Cardeal, ou das Torres de Cereixo, datadas do século XVI.
As que si abriron as portas forn as Torres de Mens, que esta fin de semana recibiron a un grupo veciños do municipio de Cambre, un feito excepcional grazas á colaboración do propietario da fortaleza. A visita foi xestionada polo departamento de Educación, Cultura e Turismo do Concello de Malpica, que contactou co propietario do BIC (Ben de Interese Cultural), Agustín Ordóñez, quen, ademais de abrir a súa residencia, exerceu como guía. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, agradeceu a hospitalidade do dono das torres achegándose tamén ata a histórica fortaleza e facéndolle entrega dun conxunto de pezas tradicionais de Olería de Buño.
A viaxe a Malpica forma parte do programa de actividades da Oficina de Información Xuvenil de Cambre, que cada mes organiza unha excursión a un concello galego para coñecer novas rutas de sendeirismo, visitar algún recurso turístico (neste caso, as Torres de Mens) e ofrecer aos mozos e mozas a posibilidade de practicar actividades diferentes. En Malpica, ademais de percorrer un treito do Camiño dos Faros, asistiron a un curso de pesca e pola tarde levárono á práctica.
As Torres de Mens son un conxunto amurallado composto por vivenda e tres torres de planta cadrada. No último andar dunha delas sobresae un balcón corrido de madeira, apoiado sobre ménsulas de pedra. Pertenceron aos Condes de Altamira, e no ano 1467 quedaron parcialmente derruídas. No ano 1988, o seu propietario, Agustín Ordóñez, encargoulle a rehabilitación ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto, un traballo que recibiu o premio Europa Nostra no 1993.
Unha nova centenaria en Malpica

A fin de semana tamén tivo unha emotiva festa de celebración polo 100 aniversario de Casilda Barizo Suárez, veciña do municipio de Malpica. Estivo acompañada pola súa filla, cuñados, netos e bisnetos, e tamén polo alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández. Unha pequena representación de Malante acudiu para tocar unhas pezas, e, aos seus cen anos, Casilda botouse a bailar.
Viaxe social
O mércores 12 rematará o prazo de inscrición para a viaxe anual que organiza a Concellaría de Servizos Sociais, e só quedan 7 prazas. Este ano o Concello de Malpica escolleu Cantabria como destino, coincidindo coa celebración do Ano Santo Lebaniego. A excursión celebrarase do 8 ao 12 de maio. Serán cinco días en réxime de pensión completa e por un prezo de 244 euros.
A última parada será o día 12 en Castro Urdiales, antes de emprender a viaxe de regreso. As persoas interesadas en participar poden inscribirse no Departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico, teléfono 981 720 280).
Novas relacionadas
- Víctor Castiñeira: Castelo do Príncipe (III): O castelo na actualidade.
- Que foi da sinalización turística e cultural na Autovía Costa da Morte?.
- 4 Bens Culturais da Costa da Morte na Lista Vermella do Patrimonio Galego.
- Xosé María Lema Suárez: A vergonza do abandono, entre toxos e silvas, de catorce dólmens declarados BIC pola Xunta.
- Véndese Pazo e Castelo.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).