Domingo. 28.04.2024
El tiempo

O BNG denuncia xunto varios colectivos o abandono da sanidade pública na Costa da Morte

Encontro sanidade BNG
O BNG denuncia xunto varios colectivos o abandono da sanidade pública na Costa da Morte

Os candidatos do BNG ao Parlamento Galego, Iria Carreira e Oscar Insua, co que falamos estes días, reuníronse este mércores 14 con representantes de entidades defensoras da sanidade pública para denunciar a situación de abandono na que se atopa a mesma na Costa da Morte. No encontro, que tivo lugar diante do PAC de Cee, tamén participaron o voceiro do BNG na localidade, Serxio Domínguez, e outros membros da formación nacionalista na comarca.

No acto, tanto os integrantes do BNG como os das asociacións coindiron en sinalar o estado de deterioro no que se atopa  o servizo público sanitario na comarca. Resaltaron as deficiencias en áreas como a pediatría, a atención primaria e a hospitalización a domicilio, e indicaron que o Hospital de Cee necesita reforzo de celadores e non conta con consultas en varias especialidades demandadas pola cidadanía, como cardioloxía, neuroloxía ou reumatoloxía. Ademais, indicaron que non existe un protocolo que regule a atención a persoas con necesidades especiais.

Desde as organización defensoras da sanidade sinalaron que un dos maiores problemas é a falta de cobertura nos diferentes servizos cando existen baixas ou vacacións do persoal, o que leva ao colapso na atención aos pacientes. Un dos exemplos desta situación vese na hospitalización a domicilio: de dous médicos neste servizo, un está de baixa e non se cubreu a praza; e o outro facultativo traballa só catro días á semana. E das tres enfermeiras existentes, só dúas realizan a súa función.
Pola súa banda, Iria Carreira e Oscar Insua denunciaron o “abandono total da sanidade pública por parte do PP” e pediron o voto para o BNG nas eleccións deste domingo 18 “para cambiar as nefastas políticas da Xunta en materia sanitaria”. Subliñaron que cando o BNG goberne na Xunta impulsarán un plan de choque da atención primaria dotado de 200 millóns de euros. “Esto é o comezo, pois urxe poñer en marcha outro tipo de medidas para ter máis persoal nos diferentes servizos sanitarios, e incorporar outras categorías profesionais que son necesarias, como a psicoloxía clínica, fisioterapia, nutricionismo ou podoloxía”, remarcaron os candidatos nacionalistas.

Comentarios