Luns. 29.04.2024
El tiempo

Oscar Insua: "Estamos preparados para gobernar e facer políticas para poñer o noso país a producir e para coidar da xente como se merece"

  • Oscar Insua naceu en Corcubión, é avogado na especialidade da xurisdición do Contencioso-Administrativo, ten 43 anos e é o candidato nº7 do BNG na provincia da Coruña e representa á comarca da Costa da Morte.
oscar Insua 7 da candidatura do BNG as eleccions autonomicas
Oscar Insua: "Estamos preparados para gobernar e facer políticas para poñer o noso país a producir e para coidar da xente como se merece"
  • Que foi o que pasou para que volveras á palestra na política?

Non foi moi difícil convencerme para volver a representar nas institucións aos veciños e veciñas, porque quen me coñece sabe que son unha persoa que sempre defendeu causas xustas, e esta situación de desamparo total da nosa comarca polo goberno da Xunta, fixo que non o pensara moito cando os compañeiros e compañeiras me propuxeron para representar a comarca. Non podemos seguir así moito máis tempo, sen industria, sen emprego, coas infraestruturas inacabadas, co transporte público desmantelado e cun índice de xente emigrada disparado. 

  • Como valoras a política do PP na comarca?

Non se pode valorar o que non existe. eu pregúntome que é o que funciona na Costa da morte? Temos unha autovía sen rematar dende fai 15 anos, os polígonos industriais que non dan arrancado e sen empresas, os portos sen actividade, as mariscadoras sen coller marisco, os barcos con cotas de pesca ridículas. Non construíron en 15 anos un centro de día en toda a comarca e tampouco residencias, sabendo que aumentamos un 10% a poboación de maiores de 65 anos. E na sanidade igual, non aumentaron as especialidades, as listas de espera para operarse son de ata 5 meses, e seguimos sen pediatras nos centros de primaria, e por enriba arrasaron co transporte público, sobre todo transporte escolar, onde rapaces e rapazas, ou non teñen sitios e van de pé no autobús, ou directamente chegan ou saen tarde da escola porque os horarios non coinciden cos das clases. Unha situación dramática.  Cando a mocidade só pensa en marchar a buscar emprego a outros países, mal asunto, algo pasa e parece que dende logo a Costa da Morte non funciona.

  • Que propostas ten o BNG nestas eleccións? 

Nesta campaña, reunímonos e falamos con xente de todos os sectores, para recoller achegas e propostas para dar solución a eses problemas do día a día. Estivemos con varios patróns maiores, mariñeiros, mariscadoras, mergulladores, con gandeiros, con emprendedores do sector turístico, cos representantes dos comités de empresa de SEAGA e XEAL, con xente que defende a sanidade pública dende diferentes ámbitos....e practicamente todas as prospostas que nos fixeron chegar, van recollidas no noso programa electoral. Nós temos un pacto coa xente para defender os servizos  públicos como a Sanidade, os servizos sociais, ou a educación, son cuestións prioritarias, e poñeremos ao noso país a producir e a crear riqueza e benestar.

  • Nestas eleccións, vas nun posto de saída e con moitas posibilidades de saír deputado. Cal vai ser a liña prioritaria de traballo?

Sen dúbida ningunha, un plan de choque para rescatar a sanidade pública, dotar de máis especialidades, como cardioloxía, ao hospital comarcal e consolidar os servizos que se prestan como o de hospitalización a domicilio ou a pediatría nos centros de primaria, en abrir centros de día como o de Corcubión, e impulsar  un novo modelo de mobilidade, porque é fundamental para o desenvolvemento económico da costa da morte, e iso pasa por rematar dunha vez a autovía á Fisterra, eliminar as peaxes entre Carballo e Coruña e por loitar para que o ferrocarril sexa unha realidade e non un soño. Esta última xa é unha teima persoal, non pararei nin un minuto ata que consigamos un estudio de viabilidade deste transporte que é o máis sostible, dende o punto de vista ambiental e económico. Se hai cen anos era factible e chegou a ser aprobado, como non vai selo hoxe? So fai falla vontade, esforzo e ilusión, e iso a min non me vai faltar. Ademais de que a mobilidade é unha reclamación básica do sector do turismo, xunto coa potenciación da formación profesional do persoal necesario na zona. E sen esquecer que imos a  poñer a producir aos sectores marisqueiros, a seguir defendendo á flota pesqueira e a planificar conxuntamente co sector o futuro no agro e na terra.

  • A estas alturas da campaña electoral, que sensacións tedes no BNG?

Pois estamos moi contentos porque percibimos que a xente parece que quere un cambio na Xunta, quéixanse do abandono da comarca, de que non hai emprego e de que non ten sentido que o PP se dedique nesta campaña a facer promesas despois de 15 anos de goberno. O cambio é posible e só precisamos concentrar todo ese apoio na papeleta do BNG.

  • Teremos presidenta da xunta?

Eu confío en que si, en que poidamos facer historia este domingo, elixindo á primeira presidenta de Galiza, ese cambio é posible e só pode estar encabezado por Ana Pontón, porque ela é a candidata do cambio, a candidata da mocidade, das mulleres, e a única que ten as mans libres para defender Galiza. E se os galegos e galegas confían en nós, que estamos preparados para gobernar, será máis sinxelo conseguir superar e mellorar esta situación de abandono da costa da morte polo PP.

Comentarios