Xoves. 30.05.2024
El tiempo

O heroe de azul que rescatou unha parella do lume

Manel-Garcia-Leal-Policia-Local-Cee 2
Manel García Leal, o Policía Local de Cee que salvou unha parella dun incendio na súa vivenda.
O heroe de azul que rescatou unha parella do lume

Eran case as 22:00h da noite deste pasado luns, cando se declaraba un lume nunha vivenda na Lagarteira, en Cee. Ao lugar chegaba antes que ninguén o Policía Local Manel García Leal, pois se atopaba patrullando nun lugar próximo ao suceso. Sabía que os Bombeiros estaban de camiño, pero dende a estación ata o lugar do incendio tardarían non menos de 10 minuto.

“Eu cría que non ían aguantar tanto tempo, así que collín o extintor que temos no coque e me metín dentro. Atopei a unha muller que pedía auxilio para atopar ao seu home. E foi unha sorte que puiden distinguilo entre o fume porque levaba roupa interior branca. Agarreino a el e mais a muller, pechei a porta da habitación para que non se alimentase máis o lume, e saín con eles”, cóntanos.

”Eu creo que calquera persoa faría o mesmo que eu na miña situación. Supoño, vaia”, cóntanos, ao tempo que se amosa reconfortado por todas as loubanzas que está recibindo dende amigos, compañeiros, medios… Mesmo a Asociación Profesional Unión Galega de Policías Locais (UGPOL) tenlle enviado a súa felicitación manifestando o orgullo que supón para o corpo ter profesionais así de decididos, e vai enviar un escrito ao Concello para propoñelo para recibir a medalla de honra.

Nada máis saír da casa, a filla levou ao señor ao Hospital, e pouco despois de que chegaran os Bombeiros para sufocar o lume. “O señor aínda está ingresado, inhalou moitísimo fume, eu creo non aguantaba un minuto máis”, cóntanos a media mañá deste martes.

I é que o propio heroe de azul tivo que pasar parte da noite no Hospital, xunto á muller. “Estivemos a señora e mais eu ata as 2:00h no Hospital, porque sempre tragas moita porquería no fume, e queda no peito ese rasquillo que non te deixa respirar ben. Eu, a verdade, non quería ir, pero os compañeiro de Protección Civil obrigáronme”, apunta. Hoxe toca descansar e recibir os parabéns pola súa heroica acción, a pesar de que el lle quite ferro ao asunto. “É reconfortante recibir estas parabéns pero é o meu traballo”, reitera con humildade.

Novas relacionadas

Comentarios