Venres. 29.03.2024
El tiempo

Cee, Muros, Zas, Corme e Fisterra proxectarán o filme galego Vilamor

Cee, Muros, Zas, Corme e Fisterra proxectarán o filme galego Vilamor
Dani Oca, Zaira Trillo, Antonio Cortés, Marta Lado, Ignacio Vilar e Rubén Prieto presentando en Cee as proxeccións de Vilamor na Costa da Morte

A Caravana Vilamor aterra na Costa da Morte da man da Rede de Dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística. E o fai para que este filme de produción senporsen ghalegha se proxecte nas rúas de 5 vilas da zona. Cee, Muros, Zas, Corme e Fisterra. E o fará en formato cine de verán no marco da Rede Cinema dando un toque moito máis auténtico a esta representación da historia real dun campamento hippie nos anos 80 na zona da Mariña Lucense.

Xa vimos que o filme ten 4 actorazos da Costa da Morte, como son o ceense Rubén Prieto e a fisterrá Marta Lado, que fixeron de anfitrións da rolda de prensa e serán profetas nas súas terrasv coa súa primeira longametraxe. E tamén participan o malpicán Santi Romay e o carnotán César Cambeiro.

Rubén apuntou varias cousas ben interesantes. "Foi unha experiencia magnífica, pois puidemos convivir un mes enteiro, algo pouco habitual, e se nos contaxiou toda a maxia que desprende esta historia real. Fixemos comuna case de verdade, é agora ata facemos as "quedadas vilamorianas"".
Marta tamén falou, e o fixo en ghallegho con seseo e gheada, destacando precisamente que "poder ver unha película en galego e coa nosa variedade é todo un luxo".

Na rolda de prensa tamén estiveron o director, Ignacio Vilar, así como o presidente da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, Zaira Rodríguez, deputada provincial de normalización e alcaldesa do concello de Cee, e o teniente Alcalde Dani Oca.

Cortés lembrou a importancia destas actuacións, con alta faceta social, de dinamización lingüística, e destacou a colaboración entre unha empresa do audiovisual galego como Via Lactea Films e 3 entidades públicas, como a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e neste caso, o Concello de Cee.
Son ademais citas importantes no sentido que o filme chega a moitos espazos onde non hai cines.

Pola súa banda, Dani Oca deixou claras as súas gañas de ver o filme, pois a historia transcorre preto da súa vila natal. E foi a alcaldesa a que pechou a rolda cunha frase de Orson Welles para o director: "É imposible facer unha película sen unha cámara que sexa como un ollo no corazón dun poeta". E de seguro que a cámara de Ignacio Vilar foi un clave de verso.

Proxeccións de Vilamor na Costa da Morte

  • Cee: martes 7 de agosto, ás 22:30h nos xardíns do IES Fernando Blanco.
  • Muros: mércores 15 de agosto ás 22:00h no Curro da Praza.
  • Corme: mércores 22 de agosto ás 22:00h na Praza da Ribeira.
  • Zas: venres 24 de agosto ás 22:00h na Praza do Concello.
  • Fisterra: domingo 26 de agosto ás 22:00h na Explanada do Peirao.

O trailer

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios