Venres. 29.03.2024
El tiempo

Cee queda sen movida nocturna este Nadal

Imaxe do local Nerio, pechado dende principios de Novembro.
Imaxe do local Nerio, pechado dende principios de Novembro.
Cee queda sen movida nocturna este Nadal

Moitos recordan hai xa máis dunha década a Cee como un dos referentes da movida nocturna da Costa da Morte, mais durante estes últimos anos esta situación foise revertendo progresivamente e sen retorno ata chegar a un punto no que a vila a penas conta cunha oferta de locais de ocio nocturno e cunha afluencia de xente que non ten nada que ver con antano.

Nunha estampa coma esta, a reapertura do pub Nerio, un dos máis lonxevos da calle dos pubs de Cee, parecía darlle a volta ao asunto, xa que dende un primeiro momento tivo unha gran acollida. Pero como xa pasou tamén en tempos pasados, tal e como volveu a xente, tamén volveron os problemas cos veciños polo ruído, e tras pouco máis dun mes aberto o local, ordenouse o seu peche.

Dende o Concello, a Alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, indica que previo informe técnico e xurídico municipal abriuse un Expediente de Reposición á Legalidade Urbanística e “entre algúns dos motivos polos que se inicia o expediente é porque o limitador acústico non funciona, non estaba conectado e se intenta conectar e non se pode, ademais de que o establecemento non se adecúa ao proxecto de acondicionamento e instalación”.

Segundo Jesús Ricardo “Suso” Caamaño, actual arrendatario do Nerio, “dadas as denuncias por ruído dos veciños, realizouse unha inspección visual do local na que o técnico ven cos planos do 94, da primeira licencia que se concedeu ao Nerio, que son os que din que constan do Concello”, explica, e remarca que o peche é debido a que “dende o Concello alegan que eu fixen esa obra agora e que esa licencia se concedeu sen un proxecto existente”. Ademais, engade que o problema co limitador acústico “non é unha causa de peche”, xa que se lle outorgarían “15 días para que iso se poña ao día en caso de que falle”, declara Caamaño.

En QPC tivemos acceso dito expediente, onde se detallan estes puntos.

Extracto do Expediente de Reposición á Legalidade do Pub Nerio

Caamaño argumenta que no ano 2010 o Nerio fixo o cambio de “Café cantante” a “Discoteca”, momento no que se fan as obras oportunas para que poida coller a licenza de discoteca. Así, o local conta dende ese ano cunha licenza de “Sala de Baile e Discoteca” concedida pola alcaldía baixo o mandato de Ramón Vigo.

O propio dono do local, José Antonio Leis, ante esta situación denunciou na súa conta persoal de Facebook a través de varios posts todo o acontecido, expresando que “me din que o local non ten permiso de apertura cando eu teño permiso en vigor e todo en regra, a licencia orixinal, firmada polo alcalde anterior e a secretaria do concello, presentando toda a documentación en regra”, afirma Leis. Tamén, aproveitou a plataforma para amosar unha fotografía da licencia actual do local.

Con respecto a isto, o actual arrendatario indica que, durante todo este tempo, o local “estivo aberto  con máis xente” que nunca tivo problemas desta índole e “as fotos nas redes sociais nos últimos anos poden corroborar que ese local non se moveu”, ademais do propio feito de que existen “os planos desa obra”. De todos modos, a alcaldesa Lamela sinala que “se presentou contra esta resolución un recurso de reposición, encontrándose pendente de resolver dito recurso”.

Máis dun expediente

Ante este asunto, o Concello indica que o Nerio conta con dous expedientes abertos. Ademais do Expediente de Reposición á Legalidade Urbanística, tamén tería outro por “non aportar a documentación requerida”. “ Preséntase unha comunicación previa de cambio de titularidade e se lle requeriu por dez días para que presentase unha documentación. Ao non aportar toda a documentación requerida, declarouse a ineficacia da comunicación previa”, sinala Lamela e insiste en que non se aportou esa documentación no prazo estimado.

Ante isto, Caamaño explica que ao tramitar o cambio de titularidade para poder coller o Nerio, entrega toda a documentación necesaria e que unha vez en funcionamento, recibe unha carta na que se lle indica que o seu seguro de responsabilidade civil non é válido, xa que no seu seguro non poñía “sala de baile e discoteca (tal e como indica a licencia do Nerio) porque os departamentos dese seguro non dispoñía de ningún que puxese exactamente iso, entón buscaron o que máis se acercase á nomenclatura do local”, expresa o arrendatario.

Nese prazo de 10 días, “eu dinlle o dato a quen me leva o tema e lle dixen o que me pedían. Á semana seguinte danme resposta e dinme que eles con ese seguro non poden facerme que poña discoteca porque por tema de riscos non llo conceden a eles”, indica Caamaño, e por este motivo tramita outro seguro noutra aseguradora que si lle puidese ofrecer este cambio. “Pedíanme que tiña que ser máis completo. Fixéronme finalmente ese seguro e me saliu sobre 670 euros, cando as coberturas de riscos eran as mesmas ,pero por poñer discoteca no papel, cambiaba a cousa a eses números”, explica o arrendatario.

Unha vez feito isto, Caamaño asegura que enviou os papeis telematicamente á súa xestoría e lles indicou que tiñan que entregarllo ao Concello. Aínda así, o problema non quedou aí e recibiu novamente unha cara na que se lle reclamaba o pago bancario. “Eu enviei o seguro cun número de expediente, co cal o seguro está en vigor, pero se me reclamou igualmente o dato bancario. De todos modos, cando me mandaron iso, eu xa tiña o Nerio pechado, entón xa non entreguei nada”, explica Caamaño.

Repítese a historia

Con este problema e sen unha clara solución para a reapertura do pub Nerio, cando menos momentánea, Suso Caamaño decidiu abrir o pub Venus, outro dos locais míticos da antiga movida nocturna de Cee que ademais se encontra a escasos metros do Nerio. Unha apertura que nunca se chegou a realizar. “Cando eu vou a abrir o Venus, vindo disto, eu solicito no Concello o seu expediente para comprobar que todos os planos constasen e estivesen ben”, explica Caamaño.

O local tamén tivera unha reforma anos atrás para poder adaptarse á normativa vixente daquel momento, onde, entre outras cousas, construíuse unha dobre porta. “Cando eu fun ver o expediente, vin co arquitecto que constaba esa dobre porta porque vimos o plano e dixo que o entregaran tarde, pero que aí estaba. Entón eu saín do Concello sabendo que o local o teríamos que adecuar na medida do posible á lei de accesibilidade que saíu en 2015, pero que non podían cerrarnos por iso, terían que darnos un prazo para adaptarnos á lei”, afirma o arrendatario.

Dende o Concello indican que “unha vez feita a solicitude de comunicación previa con relación ao pub Venus pola Oficina Técnica se comprobou que a licencia foi retirada de forma definitiva por resolución da alcaldía de data 8 de xaneiro de 2014”, explica a alcaldesa.

VenusPub Venus, en Cee.

Segundo Caamaño, precisamente sería ese plano que se entregou fora de prazo o que causase esta situación, a pesares de que se ten constancia del no Concello. Este explica que “o dono cando fixo esa reforma ten un prazo de seis meses para entregar todos os papeis no Concello, ata outubro de 2013. Entregou as cousas pero faltoulle o plano da dobre porta e dispón que o entregarán proximamente e o entregan, pero en novembro, fora dese prazo, e iso consta no Concello”.

“O dono do local recibe en xaneiro de 2014 unha carta dicindo que ten que entregar ese plano que xa estaba entregado en novembro e que se non se entrega nun prazo de 6 meses, iso acarreará a retirada da licenza do local. Algo tan tonto como reclamar esa carta e dicir que o plano xa está entregado, pero esa carta quedou aí parada e ninguén se acordou dela. Aínda así, o Venus abre en novembro de 2014 e o Concello non o paraliza, cando xa existía esa carta que nos reclaman a nós”, indica Caamaño.

En vista de todos estes problemas, Suso Caamaño recoñece por unha parte a labor do Concello por facer “ben as cousas, a pesares de que o resto de alcaldes non o fixesen como o tiñan que facer no seu momento”, mais por outra ten a sensación de que se está a intentar facer o posible por evitar a movida nocturna, xa que “se acababan con nós, acababan co ruído da rúa”. Caamaño explica que a solución podería ser outra, pois eles afirman que se adaptaron a todas as peticións que lle fixeron dende o Concello: “Poderían dicir que isto non coincide e dar un tempo de alegacións, pedir outras medidas... Pero cortaron polo sano”, alega Caamaño. Ante isto, dende a alcaldía son concisos indican que “non se está buscando a mínima para cerrar” e que todo local “ten que cumprir unha serie de requisitos que non se van saltar”, afirma Lamela.

Un Nadal sen movida nocturna en Cee

A raíz deste asunto xurdiu tamén unha petición na plataforma Change.org na que se amosa o desacordo con esta decisión do Concello polo peche do pub Nerio, que leva xa más de 400 firmas apoiando a causa. Moitos dos firmantes aseguran que desexan saír no seu pobo e que este peche llo impide. A realidade é que a pouca oferta de locais nocturnos que queda en Cee obriga aos veciños e demais xente da contorna a ter que desprazarse a outros concellos máis lonxanos para poder saír de festa, sobre todo durante estas datas nas que adoita haber máis afluencia de xente, xa que non existen grandes locais no resto de vilas do arredor máis próximo, facéndolles depender do servizo de taxis ou dun vehículo propio.

Para estas datas chegouse a falar dun posible proxecto de carpa para celebrar unha festa de fin de ano no Concello de Cee, do mesmo estilo que se leva celebrando dende hai xa uns anos en Vimianzo. Mais dende o Concello afirman que “non houbo ningunha solicitude oficial”. Ao preguntar por algunha solución para isto, a alcaldesa Margarita Lamela explicou que o Concello non pode organizar unha festa, mais indicou que “se algunha Asociación fai algunha proposta de organización” con todas as medias pertinentes (seguridade, ubicación...) do que se queira facer, “se estudiará”. De todos modos, semella que para este ano a festa nocturna do Nadal en Cee terá que proseguir nos concellos da contorna.

Comentarios