A CIG explica por que non asinou o convenio colectivo de XEAL: “Non é unha inocentada aínda que pareza”
Asinouse onte un polémico acordo entre 3 sindicatos e a dirección de XEAL para aprobar o novo convenio colectivo que rexerá os dereitos dos traballadores das fábricas de Cee e Dumbría. Un acordo que non conta coa aprobación do Comité de Empresa, nin do sindicato maioritario, a CIG, e sobre todo e máis grave aínda, “non foi sometido a decisión da asemblea de traballadores/as”.
Por un lado os s sindicatos asinantes (UGT, CGT e USO), sinalan nun comunicado que o convenio si que recolle "melloras económicas substanciais como a creación dunha paga consolidada para o mes de febreiro, a redución de 4 días de xornada laboral do persoal de produción, ao incorporarse a unha nova xornada laboral de quenda antiestrés, acompañada dunha compensación económica, unha xornada continuada para o persoal de mantemento (7:15 a 15:15h) que mellora a conciliación familiar, pluses de asistencia con carácter individual, incrementos salariais para os anos 2022, 2023 e 2024, xunto con outros pluses e conceptos”.
No lado contrario, a CIG considera que o convenio “afonda nos recortes, non contar co comité nin someterse á asemblea de traballadores/as”, deixando claro que malia asinarse un 28 de decembro, "Non é unha inocentada, aínda que o pareza".
Para a CIG, aínda que poida ter validez legal, este convenio é "inmoral" e carece de calquera lexitimidade "porque non representa a vontade das traballadoras e traballadores das fábricas nin das centrais hidroeléctricas". Consideran que é “unha involución nos dereitos laborais, salariais e sociais do conxunto do persoal; e menos aínda cando a empresa "está enchendo os petos a conta de explotar os recursos naturais que son de todos e todas”.
E argumentan: “No aspecto económico non se garante o poder adquisitivo dos salarios ao non contemplar unha cláusula de revisión conforme ao IPC real; ademais as seccións sindicais asinantes asumen a perda do complemento por IT en caso de enfermidade común e en caso de accidente laboral aceptan que sexa o comité de seguridade e saúde quen dea o visto bo para poder cobrar o 100%”.
Denuncian que XEAL blinda a posibilidade de non facer máis contratacións, ao “modificarse o sistema de rotacións de postos, creándose unha quinta quenda na que se impón ao persoal 17 días das vacacións -que non compensan cos mesmos días de bolsa- e no que o/a traballador empeza o ano xa debendo días á empresa, que pode dispor destas xornadas ao seu antollo”. Deste xeito, “desaparecen as contratacións para substituír as vacacións do persoal e a partir de agora os traballadores e traballadoras da mesma quenda cubriranse mutuamente”.
“Tamén se anula o parágrafo do convenio polo que se obrigaba a empresa a contratar en caso de pasar dun determinado número de horas extraordinarias”.
Engaden tamén “a perda da contratación temporal en prácticas dos oito mellores alumnos e alumnas de FP, que se viña realizando anualmente e que serviu como introdución ao mundo laboral para moitos mozos e mozas da comarca”.
”Tamén se perde a figura do médico/a de empresa, o lote de nadal e establécese unha xornada de mantemento de día que resulta completamente discriminatoria”.