Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Comezaron as obras de reforma das Urxencias do Hospital Virxe da Xunqueira

  • A xerente do Sergas aseguroulle ao PP de Cee que Goberno galego financiará entre o ano 2024 e o ano 2025 melloras na eficiencia enerxética do Centro de Saúde.
Visita Xerente Sergas Hospital Cee1
Comezaron as obras de reforma das Urxencias do Hospital Virxe da Xunqueira

Arrincaron as obras da reforma das urxencias deste centro sanitario da rede do Sergas. Nestas obras, a Xunta ten previsto investir 1,1 millóns de euros.

Así, cando rematen as obras, as Urxencias de Cee contarán cun circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias. Ademais, incorporarán un novo control de enfermería para ese dobre circuíto.

Xunto ao anterior, as urxencias engadirán aos actuais sete boxes de observacións e ao único existente para pacientes illados, outros cinco boxes, todos eles preparados para pacientes illados. Tamén incorporarán unha nova sala de traballo médico e unha nova sala de traballo de enfermería, e engadirán novos aseos para pacientes e para o persoal, así como un dormitorio para o médico de garda.

Máis persoal, sen oposición

No apartado de persoal, o Goberno galego aprobou unha lei para convocar prazas en hospitais comarcais por concurso de méritos, sen necesidade de oposición, “o que supón un incentivo moi importante para traballar en hospitais como o de Cee”. A xerente sinalou que o primeiro concurso convocado con esta lei incluíu oito prazas para este centro, 2 de anestesia, 2 de oftalmoloxía, 2 de xinecoloxía e 2 para urxencias.

Este proceso está xa nos últimos trámites, e a responsable do Sergas dixo que “nas vindeiras semanas publicaranse as puntuacións definitivas para que os aspirantes poidan elixir por orden de puntuación entre as prazas ofrecidas”.
En consecuencia, -proseguiu Estrella López-Pardo-, “en xaneiro teremos oito prazas cubertas de xeito fixo por novos especialistas médicos que virán exercer ao Hospital de Cee, e que teñen o compromiso de estar aquí un mínimo de dous anos”.
 

Centro de Saúde

PP de CEE no Centro de Saude
Membros do PP de Cee coa erente do Sergas, Estrella López-Pardo,

Aproveitaron os membros do PP de Cee para trasladarlle á xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, a necesidade das obras do Centro de Saúde de Cee. A xerente sinalou que Goberno galego financiará entre o ano 2024 e o ano 2025 melloras na eficiencia enerxética do centro.
López-Pardo explicou que no 2024 levarase a cabo a renovación do equipo xerador de calor do sistema de calefacción por importe de 60.190 euros, e que, no ano 2025, a
procederase con cambio das ventás por un importe preto de 97.000 euros.
Os populares lembran que, a pesar de ser un centro de titularidade municipal, nos que as reformas adoitan financiarse ao 50% entre a administración local e a administración autonómica, neste caso a Xunta de Galicia asumirá o 90% deste investimento.
 

Comentarios