O Parlamento únese para instar ao goberno central a crear unha base marítima do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Costa da Morte

Puxéronse dacordo os tres partidos no Parlamento Galego para solicitar a creación dunha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Costa da Morte. O BNG levou a iniciativa á Comisión 1ª Institucional, despois de comprobar o pasado mes de xaneiro como a nosa comarca segue sendo un punto importante de descarga de droga coa aparición do narcosubmarino.
A proposición contou co apoio dos PSOE e PP, a pesar de que o BNG rexeitara unha emenda do PPdeG, que xa avanzou pola semana que lle parece a ría de Camariñas unha ubicación ideal para a base, para que esta iniciativa parlamentaria incorporara outras medidas, como solicitar a modernización e reforzo dos medios materiais e tecnolóxicos do Servizo de Vixilancia Aduaneira, ampliar a dotación de medios persoais e materiais empregados polo Goberno de España na loita contra o narcotráfico ou garantir a plena operatividade horaria do persoal do SVA para non comprometer a execución de operacións contra o narcotráfico.
”Non podemos esperar outros 35 anos nin outro narcosubmarino para actuar", sinalou o deputado do BNG, lembrando que “o PSOE con 28 anos de goberno, como o PP, con 15, ignoraron sistematicamente a dotación dunha base marítima na Costa da Morte”. Insua subliñou que a Costa da Morte é unha das zonas máis vulnerables ao narcotráfico, como demostra a recente aparición de narcosubmarinos nas súas costas. "As costas galegas están desprotexidas, e os narcos aproveitan os tempos adversos e as festas para introducir droga", alertou. A pesar do consenso político e operativo sobre a necesidade dunha base, "alguén en Madrid botou todo abaixo no último momento", criticou.
Pola súa parte, a camariñá popular Paula Mouzo, deixou claro que “apoiamos a creación dunha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Costa da Morte”, pero criticou que a proposta do BNG “non é todo o ambiciosa que debería para atender as demandas dos traballadores deste servizo para atallar un verdadeiro problema social”. “Queremos ser máis concretos e demandar unha solución máis efectiva, pedindo que se adopten medidas útiles, ambiciosas e, ao mesmo tempo, factibles”, concretou.
Así, anunciou a presentación dunha iniciativa parlamentaria con todas as demandas que rexeitou incorporar hoxe o BNG.
“É necesario demandar ao Goberno de España máis compromiso con Galicia”, subliñou a deputada popular. ”Se todos coincidimos que temos medios obsoletos, teremos que pedir a modernización e o reforzo dos medios materiais e tecnolóxicos do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia, porque a situación actual pide unha proposta máis ampla e completa para atallar un verdadeiro problema social, e pide facelo dun xeito construtivo”.
Máis novas