O BNG demanda unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Costa da Morte para mellorar a loita contra o narcotráfico

Cada pouco tempo, os sucesos lémbrannos que a Costa da Morte é usada polas redes de narcotráfico para traer droga á península. A descarga realizada na praia dos Muíños co narcosumbarino que aparecía flotando na ría de Camariñas, foi a última proba.
Probas que nos lembran a necesidade de ter na comarca un posto de seguridade estatal.
Así o entende o BNG. O seu deputado Oscar Insua reuníuse esta semana cos representantes sindicais da CIG da AEAT e do Servizo de Vixilancia Aduaneira, concluíndo que "é necesario reforzar o servizo de vixilancia para mellorar a loita contra o narcotrafico en Galiza, e nomeadamente a Costa da Morte, que precisa dunha base marítima permanente para controlar unha zona á que agora mesmo cos recursos existentes non está o suficientemente vixilada, e ademais precísanse máis de tres horas para chegar dende as bases máis cercanas, Muros ou A Coruña".
Os delegados sindicais trasladaron a situación na que se atopa a base marítima de Muros, a máis próxima á Costa da Morte, agora mesmo cunha embarcación obsoleta de máis de 40 anos que non reúne as condicións axeitadas, e con problemas continuos nos motores, provocando que haxa semanas que non pode saír ao mar, e impedindo un desenvolvemento normal das tarefas que teñen encomendas.
Na base de Vilagarcía retiraron un dos dous barcos que había, e non volveron a repoñelo, co que existen dúas tripulacións, polo que habería persoal dispoñible e suficiente para dotar a futura base da Costa da Morte. Na mesma situación que Muros, atópase a base de Ribadeo, con outro barco obsoleto que supera os corenta anos e cunha das áreas de vixilancia máis extensa, xa que cubren parte do litoral asturiano. E a isto hai que sumarlle a retirada do avión da base aérea de Santiago e o helicóptero da base de Vigo, que restan autonomía ao SVA nas operacións de investigación.
O BNG rexistou unha iniciativa no Parlamento pedindo ao Estado esa base e que renove as embarcacións, lamebtando que parece que queren desmantelar as bases de Muros e Ribadeo, pois non é normal que sigan con eses barcos, cando é necesario aumentar as bases nun momento no que repuntan as descargas; a verdade é que ten bastante mérito que o SVA fixera as incautacións que fixeron estes anos cos medios precarios que teñen”.