Venres. 29.03.2024
El tiempo

Denuncian á piscifactoría de Lires por secar o río Castro

Denuncian á piscifactoría de Lires por secar o río Castro
A asociación non gubernamental AEMS-Ríos con vida vén de denunciar á empresa Tres Mares ante a Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia do Tribunal Superior de Xustiza por desecar o río Castro. Segundo denuncian a psicifactoría de Lires ten desviado un caudal de auga "abusivo e totalmente ilegal". Logo de facer un completo Informe baixo o nome "Un río asfixiado" e denunciar ante a Garda Civl no pasado maio, a asociación vén denunciar "á empresa ao considerar que está cometendo un delito contra os recursos naturais, pola captación abusiva de augas, a alteración dun espazo natural protexido, a usurpación de augas públicas e a defraudación de augas". O presidente da entidade Mark Atkinson, inglés, "xa galego", afincado en Rábade dende hai máis de 30 anos e unha casa na zona de Laxe, explicábanos en perfecto galego a situación do río. "O río Castro está seco, simplemente. Uns 200m río arriba da piscifactoría de Lires teñen unha presa de 10 metros de altura que ademais de secar todo o cauce do río, non deixa escalar ningún tipo de salmónido", asegura.

O cauce desviado

Atkinson denuncia que a piscifactoría ten desviado para a cría de troita arco-iris, dende hai máis de 40 anos, todo o cauce do río (vemos na segunda foto as pequenas pozas que se forman son por "filtracións") ata a desembocadura da ría de Lires. Este catedrático de derecho asegura que "ata os pequenos regatos que caen polo monte foron entubados pola propia empresa". Todo iso ademais dos posibles problemas cas aves, unha vez que estamos ante unha zona calificada como ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves). As gaivotas (que ás veces morren), as garzas, os cormoráns son moi habituas da ensenada lirense.

Perxuizo á fauna de río

A entidade (AEMS significa "Asociación para o Estudo e Mellora dos Salmónidos") denuncia que este desvío supón un "bloqueo" no río, o que implica a morte de centos de peixes por non poder subir por estas inútiles "escalas ícticas". Entre as especies que están nun estatus de conservación "Vulnerable" destacan o salmón atlántico (Salmo salgar), o reo ou troita migradora (Salmo trutta trutta), a troita común (Salmo trutta), a anguía (Anguilla anguilla), a lamprea (Petromyzon marinus) e outras especies protexidas como a nutria (Lutra lutra).

Grave situación do río Castro

Atkinson considera que a situación do río Castro é moi grave. "Trátase dun dos casos máis graves de destrución dun ecosistema fluvial en Galicia, xunto coa desecación do Eume desde 1960 por parte de ENDESA".

"Polo penal"

AEMS lamenta "a actuación da Administración autonómica e do organismo Augas de Galicia ao desoír as denuncias". "Que se preparen, porque imos enviar unha denuncia penal cada 10 días ata que a xustiza non faga algo. E sempre polo penal, porque semella que non hai ninguén que faga cumplir a lei", avisa o presidente de AEMS. Endesa, Fenosa ou a Electra del Jallas xa coñecen das súas denuncias.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios