sábado. 11.10.2025
El tiempo

Volven denunciar a precariedade que sofre o ISM de Camariñas

Ana Pasantes, e o voceiro municipal, Xurxo Rodríguez no ISM de Camarinas
Ana Pasantes, e o voceiro municipal, Xurxo Rodríguez no ISM de Camarinas
Volven denunciar a precariedade que sofre o ISM de Camariñas

Volve denunciar, con dureza, o BNG de Camariñas, a precariedade na que se atopa a oficina do Instituto Social da Mariña (ISM) de Camariñas, solicitando unha solución estable e definitiva para o servizo.

Logo de que o goberno central respondera por escrito este mes de outubro a unha pregunta realizada en agosto no Congreso polo deputado nacionalista Néstor Rego, o BNG poido constatar que, das cinco prazas coas que conta a dotación da dirección local do ISM en Camariñas, todas están vacantes, e unicamente hai un empregado que opera de xeito provisional.

A formación nacionalista sinalou que o propio executivo central recoñece a precariedade coa que se está a desenvolver o servizo. “Afirman que as prazas non están cubertas, e indican que os trámites que se soen realizar pódense facer en calquera outra oficina do ISM, así como de forma telemática ou a través dunha aplicación que se pode usar en teléfonos móbiles”, subliñou o BNG, que considera que “están condenando aos usuarios a ter que desprazarse a outras oficinas, ou a utilizar unhas vías nas que non todo o mundo está habituado, sobre todo a xente maior”. Ademais, o grupo nacionalista destacou que ten habido casos de xente sen cobrar por non poder tramitar as prestacións ás que tiñan dereito.

O voceiro municipal do BNG de Camariñas, Xurxo Rodríguez Baña, manifestou que “a oficina estivo máis dun mes sen atención ao público en verán, e agora funciona cunha precariedade que o propio goberno de Madrid recoñece na súa resposta por escrito; sempre se xustifican falando da dificultade de conseguir persoal, pero pensamos que si hai formas de acadalo”.

Comentarios