Martes. 08.10.2024
El tiempo

Fernando Castro Paredes gaña o II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

Premio Dieste de teatro- Fernando castro Paredes
Fernando Castro Paredes recollía o pasado venres o Premio Rafael Dieste e hoxe gaña o II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual
Fernando Castro Paredes gaña o II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

Días de noraboa para o dramaturgo Fernando Castro Paredes. O mestre asturián do IES Fernando Blanco de Cee recollía esta fin de semana o Premio Rafael Dieste da Deputación, e hoxe vén de coñecer que é gañador do II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual. O concurso, organizado pola compañía viguesa Feira do Leste, Á Feira Edicións e co apoio da Deputación de Pontevedra, valora a peza “Ofelia ou o cabeiro da cóbrega” como a mellor entre as 21 participantes.

O xurado, conformado pola directora teatral e programadora da sala Ingrávida (O Porriño) Irene Moreira; a dramaturga e directora da Erregueté, Vanesa Sotelo e o director teatral César No; salienta “o coidado uso da lingua galega e o artellamento dunha sólida carpintaría dramatúrxica neste novo achegamento ao mito de Hamlet desde a personaxe de Ofelia”. Así como “a recuperación da maxia para o teatro cunha riqueza de accións dramáticas que poden resultar moi estimulantes á hora de poñelas sobre as táboas, tanto para un equipo artístico como para o público”.

Fernando Castro toma o relevo de Miguel Sande, que gañou a primeira edición.

Sinopse de “Ofelia ou o cabeiro da cóbrega”

No pazo de Elsinor, no corazón mesmo da antiga Dinamarca, Polonio, un conselleiro do novo monarca Claudio, vén de ser asasinado de xeito brutal. A súa filla Ofelia sentirá no seu interior o impulso da vinganza. Unha peza que se mergulla no universo da prestidixitación para ofrecer unha reescritura do Hamlet de Shakespeare.

Fernando Castro

Natural de Tapia de Casariego (Asturias), é licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, e leva anos como profesor de ensino secundario no I.E.S. Fernando Blanco de Cee. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega.
É autor dos poemarios Caderno de don(i)celas, Coma se nada sucedese e Excrementos (todos eles accésits do Premio Francisco Añón de Poesía) e do relato O espacio exterior (Premio de Narrativa Historias Na Universidade). Como dramaturgo formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral. É autor das pezas Pallaso (Premio Varela Buxán de Textos Teatrais), No ventre da balea (accésit do Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle), A derradeira bala (Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño), Amorodo agre (Premio de Teatro Rafael Dieste), Papiroflexia e Animais de compañía, estas dúas últimas estreadas por Farándula Velutina.

Novas relacionadas

Comentarios