A Fundación Fernando Blanco lanza a nova convocatoria dos seus Premios Académicos
Nos pasados 14 anos, as becas da Fundación Fernando Blanco de Lema e o I.E.S. Fernando Blanco de Cee no marco dos Premios Académicos xa teñen beneficado a un total de 70 alumn@s do centro educativo da vila da Xunqueira.
Este curso 25/26, a entidade volve lanzar a XV edición desta iniciativa, xurdida no Curso 2011-2012, que trata de recoñecer e premiar o esforzo, aplicación e cualificacións do alumnado do centenario instituto ceense; e tamen de recuperar unha tradición histórica da entidade, posto que xa no Regulamento orixinal de 1886, recollíase a necesidade de agasallar aos mellores expedientes de cada curso.
Ao igual que en edicións pasadas, ditos Premios teñen por finalidade recompensar a 5 dos mellores expedientes académicos do I.E.S. Fernando Blanco de Cee (cursos: 1º de F.P. Básica; 3º da E.S.O; 1º Bacharelato; 1º de Ciclo Medio e 1º de Ciclo Superior).
Cada un dos Premios está valorada en 500 € (280 € en metálico e 220 € en vales de compra a consumir en algúns dos establecementos colaboradores). Ademais, o alumnado premiado recibirá un diploma conmemorativo.
O alumnado que opte a estes galardóns deberá ter todas as materias aprobadas no mes de xuño, cunha nota media mínima de 8,5.
A cerimonia de entrega celebrarase, nun día aínda por determinar do mes de outubro de 2026, no salón de actos do I.E.S. Fernando Blanco.
Para levar adiante esta iniciativa, a Fundación e o I.E.S. Fernando Blanco contarán coa colaboración de varios establecementos que, ano a ano, son fieis á súa cita con este evento, e aos que a Fundación Fernando Blanco e a comunidade educativa do I.E.S. Fernando
Blanco de Cee queren amosar a súa mais sincera gratitude. Estes establecementos son: Aurora Sport Dequip; Centro Comercial Finisterrae; Fersi Papelería, Cabo Sport; Inforneria; Xeal; Parques e Xardíns Manuel García; Roberto G. Rigaut S. L.; O Semáforo de Fisterra e Abanca.



