O IES Agra Raíces celebra hoxe luns unha xornada de Portas Abertas

O IES Agra de Raíces, que este ano celebra o seu 50 aniversario, vai celebrar unha xornada de portas abertas o luns día 20 de xaneiro ás 18:15h. Está dirixida a aquel alumnado de outros centros da ESO que teñen interese en cursar os seus estudos de bacharelato no noso centro, sexan centros adscritos ao centrou non.
Tamén poderá participar o alumnado que desexa coñecer o centro ou cursar estudos da ESO. O alumnado poderá vir acompañado da súa familia.
O motivo desta xornada de portas abertas é que xa está aberto o prazo de solicitude de reserva de praza para os centros adscritos: o CEIP do Pindo (Carnota), o CEIP Plurilingüe Santa Eulalia de Dumbría, o CEIP Plurilingüe Vila de Cee, o CPR Ntra.Sra. del Carmen (Fisterra), o CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo, o IES Fin do Camiño (Fisterra), o IES Lamas de Castelo (Carnota) e o IES Ramón Caamaño (Muxía). O alumnado destes centros, xunto co alumnado do propio IES Agra de Raíces, teñen dereito de reserva de praza no centro.
Matriculación
A petición de reserva débese facer a través da aplicación web “admisionalumnado” da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O prazo está aberto ata o día 4 de febreiro.
Rematado o proceso de reserva de praza ábrese o de admisión do 1 ao 20 de marzo, onde o alumnado pode pedir praza nun centro distinto ao que lle correspondería por mor da súa adscrición. As prazas que se ofertan son as vacantes sobrantes logo de feitas as reservas.
O Programa de visitas comeza con un encontro na Biblioteca “Concha Blanco” do centro, onde os participantes serán acollidos pola dirección e a orientadora. Neste encontro informarase dos estudos que se cursan, das actividades complementarias e extraescolares, dos servizos e das instalacións do noso instituto. A continuación farase unha visita polo centro para coñecelo.