Xoves. 28.03.2024
El tiempo

José Luis Louzán, de Artifex: “Houbo días enteiros nos que practicamente non puidemos traballar”

MIllave Cerrajeros Artifex Cee
Artifex, negocio de reparación de calzado e duplicado de chaves e mandos, situado no Centro Comercial de Cee
José Luis Louzán, de Artifex: “Houbo días enteiros nos que practicamente non puidemos traballar”

A semana pasada falábamos en QPC con Eloy Boullosa sobre como afectaron os cortes de luz ao seu hotel. Hoxe, seguimos coa serie de testemuños de afectados por esta situación. Esta vez, o noso colaborador José Luis Louzán puido contarnos nunha conversa como sufriu esta masa de cortes de luz no seu traballo.

Louzán é o xerente de Artifex, un negocio de reparación de calzado e copia de chaves e mandos situado no Centro Comercial Finisterrae en Cee. Alí os cortes de luz adoitaron ser máis ben intermitentes en vez de ter unha longa duración, máis para el isto foi unha situación que afectou ao negocio gravemente. “A máquina funciona con trifásica e necesita que a electricidade funcione ao 100% e cando a acendes volve a quentar. Isto son tempos que vas perdendo e houbo días enteiros nos que practicamente non puidemos traballar porque non daba feito”, explica Louzán.

No seu traballo tamén trata con receptores dos portais dos garaxes, que se viron moi afectados por esta sucesión de cortes de luz segundo indica o ceense. “A placa do receptor que vai no motor que se dedica a abrir e pechar o portal é unha tecnoloxía moi precaria e sofre moito os vaivéns eléctricos. A luz, no momento que marcha fai un pico pero no momento que volve fai outro pico de tensión e hai moitos compoñentes eléctricos que non o soportan. Nas dúas últimas semanas cambiei 5 tarxetas dos receptores dos portais. Non me pasara nunca na vida”, afirma Louzán ante esta situación.

Ademais, Louzán traballa dende a casa, onde tamén sufriu de primeira man as consecuencias dos cortes de luz. O ceense conta que “unha mañá estaba diante do ordenador, marchou a luz, volveu, reiniciouse... Unha vez estaba reiniciado, ía xusto a abrir e marchou outra vez. Estivo así tres cuartos de hora tranquilamente. Non é un corte de luz continuado, pero de pouco me vale que veña a luz dese xeito”, indica.

O principal problema: as infraestruturas

Para Louzán o principal problema neste contexto é a “indefensión legal” á que están sometidos os usuarios, tanto particulares coma empresas. “R, se o día de mañá ten unha avaría no tendido e che deixa sen internet 24 ou 48 horas, pos unhas reclamacións e ao final, dunha maneira ou outra, R ten que compensarche aínda que sexa unha miseria. As eléctricas non só non compensa nada, senón que non lle importa”, afirma.

Por outro lado, Louzán denuncia que a falta de interese por parte das eléctricas na inversión para a mellora das infraestruturas é outro dos problemas fundamentais que fan que este tipo de situacións se repitan cada ano. “Isto é Galicia. Aquí sopra o vento a cento e pico por hora mínimo tres veces cada inverno, e chove tamén outras tantas. Iso non é escusa. Hai sitios nos que non pasa. Ti vas a Coruña e chove igual, fai o mesmo vento pero non se corta a luz”, explica Louzán.

Ao final, segundo explica o ceense, os concellos pequenos e illados, como os da Costa da Morte, son sempre os afectados: “Cando escoitas nomeas as comarcas nas que marchou a luz por culpa do temporal, escoitas máis ou menos os mesmos sitios. Normalmente na lista sempre hai 5 ou 6 comarcas que están porque non se fai inversión ao mantemento das infraestruturas”.

Solucións por parte da administración

Louzán ten claro que a solución ao problema ten que pasar por un cambio radical en canto ao tratamento que se está a facer da electricidade. “Se a electricidade é un ben de servizo básico, como a auga, isto ten que ter un tipo de tratamento diferente ou ben se lexisle dalgunha maneira concreta para evitar que as empresas se laven as mans do mantemento da infraestrutura”, indica o ceense.

Para chegar a isto, Louzán apunta que a solución tería que ir encamiñada primeiramente a exercer accións públicas. “Hai que promover dende a Xunta ou dende onde sexa a que obriguen a Rede Eléctrica de España a reclamar ás eléctricas a actualización da rede. E, a partir de aí, cunha inversión ao longo duns anos que actualice a rede, que a poña en condicións, non volvemos ter un problema parecido ao deste ano”, afirma Louzán.

Ademais, sabendo que Galicia é un dos principais produtores de electricidade, Louzán indica que “aquí, de partida, non tiña que marchar nunca a luz”. “Xa non digo que nos paguen, pero se só o 1% do que se xera se reinvestise en mantemento da rede, non estaríamos falando de nada disto”, asegura o ceense.

Comentarios