Venres. 29.03.2024
El tiempo

Eloy Boullosa, do hotel Costa da Morte: "Mandábamos á xente aos hoteis de Cee porque sabíamos que alí había luz"

hotel costa da morte
Hotel Costa da Morte, en Fisterra.
Eloy Boullosa, do hotel Costa da Morte: "Mandábamos á xente aos hoteis de Cee porque sabíamos que alí había luz"

Dende hai un par de meses, a Costa da Morte ven sufrindo múltiples cortes de luz, un problema que non só é molesto senón que tamén afecta de forma directa a moitos dos negocios da zona. Un dos afectados foi Eloy Boullosa, dono do hotel Costa da Morte, situado en Fisterra. Este gran número de cortes de luz non só afectou ao funcionamento normal do seu hotel, senón que tamén ocasionou a perda de clientes.

“Isto comeza o día 2 de novembro, en plena ponte de defuntos co hotel cheo, que pasamos toda esa noite sen luz e ao día seguinte ás 12 da mañá aínda non volvera. Incluso tiñamos unha señora maior con mobilidade reducida e tiveron que axudar clientes do hotel a baixala dende a primeira planta ata o baixo. O xoves 14 de novembro prodúcese outro corte bastante longo sobre as 7 da tarde. Máis adiante, en decembro temos cortes intermitentes o 18, o 19, o 20 igual... E xa o 21 é cando vaise a luz dende as 9 e media da mañá ata as 10 da noite”, explica Boullosa.

Nunha época na que moitos negocios de Fisterra aproveitan para pechar e descansar, Boullosa indica que ao ser o seu primeiro ano en funcionamento eles querían abrir, xa que ademais contan con un gran número de reservas. Mais estas situacións están dificultando gravemente o funcionamento normal do seu establecemento. “Quedámonos sen auga quente. Que servizo lle podes ofrecer a un cliente que ao día seguinte á mañá quere ducharse e non ten auga quente nun hotel? Tamén, á hora de facer almorzos todo o que se faga con gas pódelo facer, mais o que vai con luz... Entón, non podes facer os almorzos aos que estás acostumado a ofrecer aos clientes e estás a cobrar un prezo por un servizo non ofreces”, indica o fisterrán.

“Hai días nos que tes que pechar a porta porque vaise a luz. Este último día, veu xente e tiven que dicirlle que só atendemos ás reservas. Non queremos coller xente porque non sabemos nin cando vai volver a luz,  o servizo que lles podemos dar... E estes últimos días mandábamos á xente aos hoteis de Cee porque sabíamos que alí había luz”, conta Boullosa.

O fisterrán admite que as condicións meteorolóxicas destes últimos meses do ano non foron as mellores e que, co mal tempo, poden pasar estas cousas, mais “que sexa tan continuo e sempre no mesmo sitio... é bastante molesto e daniño para o negocios”, afirma. Tamén denuncia a falta de información por parte das eléctricas: “Non hai explicación realmente de ninguén salvo dalgún coñecido que poidamos ter e que traballa no tema da luz. Salvo iso, ninguén nos da unha explicación”, indica Boullosa.

Segundo explica o fisterrán, esta situación incluso ocasionou que recibise dúas follas de reclamación por parte de dous matrimonios, quen lonxe de acusalo das circunstancias, alegaban que facían isto para que se remita a Industria. Neste sentido, o propio Boullosa ten pensado utilizalas para poñer unha recalmación a nivel particular “xustificando como que ese día nós tivemos que mandar varias habitacións a outros hoteis da zona porque nós non tiñamos luz”, indica.

Pola súa parte, o fisterrán explica que con isto non está a buscar unha compensación económica, senón explicacións e promesas e mellora das instalacións. “Eu non busco que me digan que me dan 2.000 euros, eu quero que isto non volva a pasar, e penso que nin as casas particulares, nin ninguén quere que pase isto a estas alturas”, afirma Boullosa.

Comentarios