Lires recupera a Danza de Arcos no seu Festival Folclórico previo á Festa Folk


Se o vindeiro sábado 17 de maio a ARCE Pedras Miúdas celebrará a súa V Xuntanza Folk, o comezo a tempada estival da música tradicional na Costa da Morte arrinca xa esta fin de semana cun Festival Folclórico.
Así, estes días 10 e 11 de maio, coincidindo coas festividades na parroquia de Lires a ARCE, Pedras Miúdas ten previsto celebrar o seu primeiro festival folclórico no que na tarde do sábado estarán presentes as seguintes agrupacións: Ecos e agarimos (Peitieiros, Gondomar), Agrupación Breogán (Brens), Terra de Sena (Cee), e Pedras Miúdas. O festival terá lugar na praza de Riba das Eiras a partires das 18:00 horas.
Xa o domingo, o grupo de baile de Pedras Miúdas bailará a tradicional Danza de Arcos no transcurso da procesión da Virxe do Socorro.


V Xuntanza Folk

O gran día, o vindeiro sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, xuntanza dará comezo a redor das 20:30 horas cunha churrascada que estará amenizada polo grupo de gaitas “Peta Forte”. A continuación, ás 22:30 horas comezará a noite de foliada da man dos anfitrións, os gaiteiros de Pedras Miúdas.
Logo subirán ao escenario as agrupacións invitadas que este ano son: Os naviza (Pamplona), un grupo de músicos galegos e navarros que dende o 2011 actúan como embaixadores da música popular galega na comunidade foral. Chiculate (Ferrol), levan nos escenarios dende novembro do 1998, a súa música coida de forma especial o tratamento das voces. Parten dunha forte base tradicional que se retroalimenta de moitos máis estilos dando lugar a este máxico repertorio aberto e dinámico.
Por último, o prato forte deste ano será A Banda de Poi (Compostela), Liderada por Toñito de Poi quen se dera a coñecer cos “heredeiros da Crus”, a banda nace no 2005 e disólvese no 2007 para reaparecer no 2013 con novos membros.
Novas relacionadas
- Lires xa pensa na Xuntanza Folk 2014.
- Xuntanza Folk 2013: Lires vibrou a ritmo de Folk.
- Xuntanza Folk 2011: A choiva non impide que Lires recupere a esencia da tradición.
- Lires acode á chamada de socorro da Danza de Arcos.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).