Modesto Fraga abriu en Cee e continúa en Fisterra e Corcubión a xira de presentacións do seu poemario reeditado
A libraría Ler de Cee acolleu este pasado sábado a primeira do libro de Modesto Fraga, "Do amor salgado", unha obra reeditada por Aira Editorial na súa colección Varilongo. A cita contou con Juanma Abelleira Ronquete, autor das fotografías que acompañan este poemario escrito en 1996 en plena efervescencia creativa do Batallón Literario da Costa da Morte.
A obra gañadora do IV Certame de Poesía O Grelo-Amigos de Galicia en 1996, cumpre tres décadas de vida e ve a luz agora nunha nova edición aumentada con dez textos inéditos e unha coda final da autoría do poeta Miro Villar, autor do limiar que xa figuraba na primeira edición.
Continúa a xira

O vindeiro venres, ás 19:30 horas, ímolo presentar en Fisterra, no salón de actos do concello, e estarei acompañado pola concelleira de cultura, Susana Rodríguez e o poeta, narrador e polifacético autor Roberto Traba Velay.
Ademais, o sábado 23, ás 12:30 horas, o bar A Gavilla de Corcubión vai acoller unha nova presentación do poemario nun formato diferente, o vermú literario, coa participación musical de Juanma Abelleira Ronquete e a lectura de poemas por parte do autor.
Ao remate dos actos, firmarei exemplares aos lectores que o desexen.