O BNG de Cee critica o derroche do concello na Cabalgata de Reis
08:29 10/01/11
O grupo municipal do BNG de Cee vén de emitir unha valoración sobre a política de gasto social do executivo da vila da Xunqueira.
Os nacionalistas lémbranlle ao equipo de goberno, composto por independentes e socialistas, que “o concello non é unha excepción dentro da lacra do paro”. Para elo fanse eco da tarefa de asociacións como Cáritas, á que “acuden centos de veciños ao ano procurando axuda cando os recursos se esgotan e non hai máis posibilidades”, nas súas verbas.
O BNG de Cee desaproba a “falla de medidas para combater as necesidades sociais”. Ademáis, nese senso critican duramente unha das accións que desenvolveu o alcalde, Ramón Vigo, durante o nadal, xa que segundo os nacionalistas, “é escandaloso que o alcalde reparta calendarios autopropagandísticos que tiveron un custo de 6.000 euros e foron feitos por unha empresa allea a Cee”.
De “escandaloso” califican os nacionalistas da vila da Xunqueira que na cabalgata de Reis deste ano houbera tres carrozas, cando en anos pasados sempre había unha. O BNG ceense considera que “coas eleccións municipais á vista, o goberno derrochador de Cee gasta innecesariamente os cartos”.
Rematan dende o BNG ceense afirmando que “estamos diante do goberno municipal de Cee máis derrochador de toda a historia, aínda nos tempos de crise que vivimos, con ducias de familias no concello que non chegan a fin de mes”.
Novas relacionadas
- Protestan polo peche do pavillón de Brens.
- O BNG de Cee pide que a colleita de mexilla deste nadal sexa da ría.
Fonte
- Nota de prensa do BNG de Cee.
- Fotografía de Marcos Rodríguez.