Luns. 14.10.2024
El tiempo

O BNG de Cee solicita medidas urxentes no saneado dos areais con augas de calidade insuficiente

O BNG de Cee solicita medidas urxentes no saneado dos areais con augas de calidade insuficiente
estorde-cee O informe anual da Axencia Europea de Medio Ambiente sinala que a agua de Estorde ten unha calidade insuficiente para o baño. Imaxe: Turismo.gal O BNG de Cee esixe a intervención urxente de Augas de Galicia e Demarcación de Costas na detección dos focos contaminantes que afectan ás aguas das praias municipais que teñen, segundo o indica a Axencia Europea de Medio Ambiente no seu informe anual, unha calidade insuficiente para o baño o cal pode provocar enfermidades dixestivas ou respiratorias entre os bañistas. Dúas das praias que suspenden neste informe son a de Estorde e a de Lires; xunto coa da Virxe do Camiño de Muros e a de Arnados en Carballo. "Dende o BNG de Cee cualificamos inasumible que praias coma a de Estorde ou Lires, areais dun atractivo turístico fundamental para Cee, teñan unha situación sanitaria non apta. Non pode ser que tanto Xunta como o goberno do Estado, recordando que Costas ten competencias sobre a liña litoral, permitan o incumprimento sistemático da Directiva de Augas, que obriga xa dende fai moitos anos ao saneamento integral das augas, tolerando que isto suceda sen que pase nada, a pesar de que as analíticas son continuas e se coñece ben o problema, cando a súa responsabilidade sería actuar de inmediato", sinalan dende o BNG de Cee a través do seu voceiro, Serxio Domínguez. Tal e como sinalan os nacionalistas, non se trata de episodios puntuais de contaminación. "Son moitos os anuncios e as promesas que se fan dende a Xunta ao respecto de que se vai sanear o conxunto de tódalas augas do litoral, o último feito polo presidente fai poucos días indicando que se destinarán 654 millóns de euros de aquí ao 2021, para sanear as augas, máis agardamos que non teñamos que esperar outros catro anos máis para que lugares como Estorde poidan recuperarse para un satisfactorio uso", indican dende o BNG de Cee. Solucións Por este motivo, o BNG levará ao vindeiro pleno unha proposta para que, dende o concello, se lle solicite á Xunta que trate con uxencia este problema e que se inclúa coo de "atención preferente" dentro do anuncio dos 645 millóns de euros. Tamén dende o BNG piden que Demarcación de Costas identifique a procedencia dos vertidos en cada un dos areais do municipio - Gures, Ameixenda, Lires e Estorde - e se coordine xunto co resto das administracións responsables unha solución definitiva. Segundo sinalan os nacionalistas, existe un problema "de sempre" coas situación da rede de saneamentos e sistemas de depuración dos núcleos de poboación próximos a estes lugares. Ao parecer, trátase de redes incompletas de saneamento, falta de separación de fecais e pluviais, e plantas de EDAR ou ben de capacidade insuficiente, cun mal deseño, ou obsoletas. Por este motivo, o BNG de Cee propón a execución dun estudo por parte dos técnicos do concello para que informen e valoren os problemas así como as posibles solucións.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios