Domingo. 19.05.2024
El tiempo

O BNG rexeita un aumento nas taxas municipais

O BNG rexeita un aumento nas taxas municipais
O voceiro do BNG de Cee, Dani Oca, saíu nas últimas horas á luz pública para rexeitar un asunto que trataran no Pleno do pasado venres, no que o alcalde de Cee, Ramón Vigo Sambade, pedira o apoio dos restantes grupos políticos da Corporación para acometer unha subida dos impostos municipais. Para elo, o primeiro edil puxo como exemplo o carácter deficitario de certos servizos, como a Escola de Música ou a Escola Infantil. Segundo a visión dos nacionalistas, o alcalde fixo unha interpretación simplista e interesada do déficit orzamentario do ano 2010. Dende o BNG apuntan que a liquidación do orzamento destapou un déficil duns 60.000 euros, e a existencia de facturas sen pagar pola falta de partida orzamentaria, que suman 610.000 euros. Deste xeito a débeda ascende a preto de 700.000 euros, unha cifra en verbas do BNG, que se multiplicou por tres dende que Vigo é o alcalde de Cee. Os nacionalistas da vila da Xunqueira consideran que non deben ser os cidadáns os que paguen o “despilfarro do alcalde e o seu gasto compulsivo destinado a comprar vontades para acadar un mellor resultado electoral nas eleccións do pasado mes de maio”. Polo tanto opóñense á subida das taxas. Dani Oca e os seus suxiren varias alternativas para procurar o equilibrio orzamentario. Céntranse na redución dos gastos superfluos, dos que din que son moito do gusto do alcalde. Con gastos superfluos refírense a vidreiras, publicidade, obras fastuosas, ou festas sobredimensionadas. Por outra banda, tamén falan da mellora da xestión municipal, a mancomunización de servizos, ou a potenciación de novas actividades económicas para incrementar os ingresos municipais. Oca considera que as persoas deben tributar en función dos seus ingresos, e poñen como exemplo, que non é xusto que pague o mesmo un mileurista que o alcalde de Cee. Os nacionalistas agardan que o resto dos grupos políticos secunden a súa posición.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG de Cee.

Comentarios