O CIM de Cee móvese para eliminar da violencia de xénero
07:05 13/11/15
O mercado municipal de Cee acolle unha exposición sobre a violencia de xénero
Con motivo do día internacional para a eliminación da violencia de xénero, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro, o CIM -Centro de Información á Muller - de Cee levará a cabo durante os próximos días unha serie de actividades que teñen como obxectivo sensibilizar á poboación sobre esta lacra.
Desta forma, durante todo este mes, o mercado municipal de Cee acolle unha exposición de carteis contra a violencia de xénero. Outras das accións que se levarán a cabo, coa colaboración das panadarías da vila, é o reparto de bolsas de papel que levan impresa unha mensaxe de denuncia da violencia de xénero.
Dentro da súa campaña de sensibilización, o CIM tamén levará a cabo varias actividades con escolares. Deste xeito, o día 19 de novmebro, os alumnos e alumnas de infantil dos colexios de Cee asistirán á sesión de contacontos "Somos iguais" da man de Raquel Quiezás. Esta actividade levarase a cabo na casa da cultura a partir das 10:30 horas. Ao día seguinte, 20 novembro, "Caxoto contacontos" ofrece o seu espectáculo para os demais ciclos da ensinanza primaria.
En colaboración co centro social de Cee, o CIM organiza para o día 25 un almorzo-tertulia sobre a violencia de xénero para todas as mulleres que desexen participar. Tras o encontro, que comeza ás 10 horas, haberá unha concentración na praza 8 de Marzo na que tamén participará o alumnado de 4º da ESO do Ies Agra de Raíces.
Por último, o día 27 ás 11:00h a casa de Cultura acollerá a obra de teatro "Identifica-T" dirixida ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- CIM - Cee