Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Comité de Ferroatlántica lamenta que a Dirección intente boicotear o proceso de negociación

O Comité de Ferroatlántica lamenta que a Dirección intente boicotear o proceso de negociación
Comezaron as reunións, pero con mal pé, entre comité e Dirección (imaxe dunha concentración de xaneiro)

Tras conseguir comezar as reunións no centro de traballo costeiro para modificar o convenio laboral, o Comité de Empresa xa ten comprobado que o proceso de negociación non vai ser sinxelo. Este venres tivo lugar na fábrica de Ferroatlántica de Brens unha xuntanza entre o comité e a empresa para avanzar na negociación do convenio colectivo deste centro de traballo, actualmente en vigor e en proceso de renovación. Non obstante, a actitude da dirección foi en todo momento a de” boicotear o proceso”, segundo os membros do Comité, “chegando a pór en cuestión a legalidade e a lexitimidade do comité para negociar o convenio”.

Apuntan os traballadores que nun acto de “prepotencia”, a dirección da empresa "advertiu do risco de impugnacións" por parte de terceiros (que non aclara quen son) de continuaren coa negociación. Algo que rexeitan dende os traballadores, que consideran máis que lexítima a negociación do convenio colectivo polo comité de empresa de cada fábrica.

”Este intento de bloqueo é consecuencia directa do asinamento do chamado Acordo Marco para a regulación das relacións laborais e diferentes empresas do Grupo Ferroatlántica, a través do que a multinacional pretende deixar sen efecto os actuais convenios en vigor -como o que regula as relacións laborais nas fábricas de Cee e Dumbría e nas Centrais Hidroeléctricas, para centralizar e trasladar a negociación colectiva a Madrid”, explican. Ademais, apuntan que “afastar a negociación colectiva dos centros de traballo non garante que as condicións laborais e sociais de cada cadro de persoal teñan unha solución acorde coas súas necesidades”.

Aproveita o Comité para criticar a aprobación do Acordo por UGT e CCOO, que, segundo denuncian, “tiveron a ousadía de iniciar unha negociación e ratificar un acordo que afecta a miles de traballadores/as sen consultalos nin solicitar a súa autorización”.

Por iso, o comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas chaman “á dirección a non adoptar posicións que atenten contra a máis xenuína manifestación da liberdade sindical, que é o dereito á negociación colectiva por parte deste comité. Polo tanto que se proceda de inmediato a dar realidade á negociación deste convenio colectivo”.

Historia do Caso Ferroatlántica

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios