O PP fai balance do 21O e valora especialmente os resultados en Cee e Dumbría
Nós xa temos analizado as eleccións pormenorizadamente, pero hoxe recollemos a análise do Partido Popular, que onte se reunía en Carballo para balance dos resultados electorais alcanzados o pasado 21 de outubro nos partidos xudiciais de Carballo e Corcubión.
Non cabe dúbida, que "o PP consolídase como primeira forza política na Costa da Morte e Bergantiños". O secretario xeral provincial, Diego Calvo, valorou "moi positivamente" uns resultados que, a pesar da conxuntura económica actual, foron porcentualmente moi parecidos aos obtidos en 2009.
No partido xudicial de Carballo, por exemplo, o PP gañou as eleccións nos sete municipios que o compón e experimentou unha subida do 2,47% nos apoios electorais, fronte á baixada do 9,21% sufrida polo PSOE e a caida do 4,17% do BNG.
En canto ao partido xudicial de Corcubión, Calvo destacou a subida do respaldo electoral do 3,60% grazas aos resultados obtidos en Fisterra e Cee, e ao incremento de votos en concellos onde non goberna o PP.
O Partido Popular gañou as eleccións en todos os municipios da provincia, salvo en Dumbría e A Capela. En Dumbría, con todo, o PP incrementou nun 2,25% os seus apoios, fronte á baixada do 6,20% experimentada polo PSOE. Neste sentido recordou que "só 88 votos priváronnos de ser a primeira forza política en Dumbría", apuntou Calvo.
No caso de Cee, tamén quixo recordar que o cabeza de lista do PSOE é natural desta localidade, feito que non freou o mancar do partido socialista neste municipio, que perdeu un 13,42% dos seus apoios. Ao seu xuízo, esta cifra deixa claro que "os veciños de Costa da Morte en ningún momento sentíronse representados polo cabeza de cartel do PSOE e souberon ver que cando o ministro viña a Costa da Morte era para facer turismo, porque tivo moito tempo para facer cousas e con todo non se fixeron".
Is si, Calvo recordou que "estes resultados levan unha gran responsabilidade e que o máximo obxectivo será que Galicia se converta na primeira comunidade autónoma en saír da crise".
Novas relacionadas
- Análise das eleccións 21O en Galicia e na Costa da Morte.
- O PP arrasa na Costa da Morte nunhas Eleccións Autonómicas marcadas polo descontento.
- Verdades de Louzán: 21O.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).