Xoves. 13.08.2020
El tiempo

Análise das eleccións 21O en Galicia e na Costa da Morte

Análise das eleccións 21O en Galicia e na Costa da Morte
Reparto de escanos en Galicia tralo 21O

A dicir verdade o sucedido onte non demostra nada máis alá da necesidade imperiosa de reformar o sistema electoral para definir un que, na realidade, traslade a escanos nun parlamento a vontade popular porque, a día de hoxe, tal cousa non se esta a producir nin de lonxe. Os datos son máis teimudos que a Lei D`Hont e por iso hoxe vale a pena unha análise que deixe claro o acontecido onte nunha xornada que, máis que para esquecer, debería servir a moitos para dende ela cimentar un futuro viable para a esquerda en Galicia.

Pero vaiamos por partes.

A vitoria do PP

A un observador minimamente crítico non lle escapa hoxe que o PP onte obtivo moito máis con bastante menos. Os populares colleitaron ata 3 escanos máis que en 2009 con 135.000 votos menos (de 789.427 a 653.934). Isto é máis mérito da ruína de PSOE e BNG que da campaña ou as accións de Feijoo. De feito, dunha conversa mantida esta maña cun asesor popular extraio a conclusión de que, hoxe, máis aló das mensaxes públicas de pura celebración e triunfalismo, o dato é visto mesmo con preocupación entre os mais fríos analistas da dereita.

A desastre socialista

A deriva do PSdG-PSOE é bastante máis sinxela de entender e ten as súas bases ben ancoradas en anos de erros consecutivos e evitables. As mesmas caras fallando elección tras elección, os mesmos discursos baleiros e cansinos, propios dun partido sen rumbo e dividido, a insistencia en nomear a os mesmos lideres de antonte, esgotados coma referentes e a insistencia na falla dun líder con carisma e “político” (a tendencia a nomear coma numero un a xestores e administrativos pode acabar por dar estes froitos) unida o total desprezo da cúpula do partido cara referentes propios das bases do mesmo (caso Lage Tuñas) poden derivar neste tipo de pancadas. A persistencia no erro (despois de amagar onte con poñer o seu cargo a disposición do Partido, hoxe Manuel “Pachi” Vázquez daba marcha atrás) só pode atrasar a necesaria reforma da cúpula socialista.

O estrago do BNG

O discurso onte do candidato frentista (Jorquera) na liña do neno o que derrotan con claridade pero que, despechado, acusa os demais das súas eivas determina con claridade o problema dun partido que, por necesario, debería acometer unha refundación profunda que rematase coa eliminación dos postos decisorios dos auténticos culpables da hecatombe de onte.

Vázquez, Jorquera e demais deberían hoxe ter reflexionado en clave a entender que ofrece un vello de 76 anos a mocidade nacionalista de base que non ofrezan dous líderes que non o son a un partido de raíz nacionalista e, se supuña, claramente identificado e definido. Non dimitir instantaneamente deixa ben claras as intereses reais de estes e outros membros da executiva do BNG.

Tópicos e falacias

Apartado a marxe necesitan algunha das frases e ideas que hoxe se estenden polas redes sociais ou mesmo na propia Galicia de a pé. Son falsas ou non de todo atinadas.
Por exemplo a que, de Galicia cara afora, nos define os galegos coma “masoquistas” ou profundamente conservadores. Nada máis lonxe da realidade. Galicia é neta e maioritariamente de esquerdas pero a fragmentación desta (dende sempre) fai imposible ver con normalidade (sobre todo pola antes citada Lei de D`hont e polas circunscricións electorais) gobernas desa tendencia ao fronte da Xunta. Se, coma noutros lugares de Europa, o PP fose 3 partidos e non só un, como ocorre en exclusiva no noso país, outro galo cantaría. Na suma real estes son os datos. A esquerda con representación na cámara queda a 10.000 votos tan só do PP, pero si a este votos sumamos os de CxG (14.459) a cifra supera a dos populares.

Tampouco é certo que o PP recibira un apoio “maioritario” como antes expliquei. Mais ben minoritario. Escasamente dous de cada dez galegos creron as mentiras dos populares. O resto ou se abstivo ou votou a outra persoa.

Afondando no asunto e por poñer datos sobre a mesa, en reparto puro e sen circunscrición territorial (que fai que un voto en Ourense vala 1,2 mentres na Coruña custa 0,8) o PP lograría 39 escanos, si, pero é que o PSOE baixaría a 17, o BNG subiría a 8 e AGE lograría…11!. Como é posible?:
Ó eliminar a circunscrición territorial (que outorga máis deputados a repartir a Ourense que os que debería en función dos seus habitantes). De feito, en calquera outro sistema distinto a Lei D`Hont o PP logra peor resultado que onte (40 escanos se aplicamos o Cociente Droop ou o Cociente Hare) pero é que os demais continuarían mellorando.

A única razón que sostén ese escano de máis dos populares (que podería ser crucial noutras circunstancias) é que foi obtido en Ourense onde a circunscrición opera é fai que un voto teña maior valor que no resto de Galicia.

E na comarca?

O PP se fortalece entre comiñas da xornada de onte. Se ben os populares lograban a vitoria en tódolos concellos salvo Dumbría, a visión real é ben distinta e merece unha análise concello por concello.

  • Camariñas:
    Perden os socialistas a súa habitual hexemonía a mans do PP pero con matices. Os socialistas perden con respecto a 2009 456 votos pero é que os populares tamén caen, mais de 200. O principal descenso o lidera, como no resto da bisbarra o BNG que perde mais de 100 votantes. AGE recollía aquí 157 votos.
  • Carnota:
    Tamén aquí PSOE e BNG lideran as caídas (372 menos para os socialistas e 217 para o BNG) pero como en toda a bisbarra tamén o PP perde electores, mais de 200. Aquí o bocado da coalición liderada por Beiras e maior, de 250 votos.
  • Cee:
    Capitulo a parte para a localidade que viviu unha expulsión e posterior cambio de partido nas filas do BNG. Este partido perde en Cee mais de 370 votos e colleita o peor resultado na historia desta formación.
    Polo contrario e sen facer campaña de ningún tipo a coalición de Anova e EU (AGE) logra colleitar 455 votos, superando ao BNG e a CxG que nesta localidade si fixo campaña (con presenza do seu líder incluída). A formación nacida dunha das escisións do BNG colleitou 51 votos.
    Tamén duro correctivo para os socialistas que logran bater todas as marcas e ser o concello onde mais caeu en numero de votos o PSdG-PSOE na comarca. Nada menos que 788 votos menos que en 2009. Hai alguén en Cee que siga crendo que non é necesaria unha profunda reforma de nomes e mensaxe?
    En Cee é onde o PP perdeu menos votos, so 85 con respecto as ultimas autonómicas.
  • Corcubión:
    O BNG e o PSOE perderon aquí a súa habitual posición a fronte dos resultados comicio tras comicio. Por primeira vez o PP logra a vitoria sendo, ademais, o único concello onde este partido gañou votantes con respecto a 2009 (so 3). O BNG de Óscar Insua perdeu 128 votantes mentres os socialistas de “Chisco” Lema caeron en 161. AGE tamén sumou en Corcubión, nada menos que 165.
  • Dumbría:
    O único concello da comarca onde non gañou o PP é o dumbries. Os socialistas foron a forza mais votada con 788 votos. Iso si, mentres os populares perdían 86 os socialistas caian un total de 284. O BNG, tamén aquí, perdeu 109 sufraxios. AGE sumou en Dumbría 114 novos acólitos.
  • Fisterra:
    Se nalgún momento o PP perdeu apoios na vila do Cristo onte os recuperou, aínda que tamén con matices. Os populares gañaron pero tamén aquí se deixaron polo camiño entre 2009 e onte 180 votantes que decidiron non elixir PP na urna. O problema, como no resto de concellos, esta a esquerda. O PSOE perdeu 278 votantes e o BNG 140. Aquí, o partido de Beiras logrou colleitar 185 votos.
  • Mazaricos.:
    O lugar onde máis perderon os populares foi sen dúbida Mazaricos. A caída é de 291 votantes menos e so o golpe de Socialistas e Nacionalistas minimiza este dato. O PSOE perdeu pouco en Mazaricos (tradicionalmente pouco dado a rosa e o puño) pero aínda así colleitou 209 votos menos que en 2009. Pola súa banda o BNG deixou de recibir 246 votos mentres AGE logrou sumar 162.
  • Muxía:
    O segundo punto onde mais perdía o PP, 252 electores menos, o que non os privou de gañar neste municipio onde os socialistas perdían 287 electores. O BNG, na liña xeral da bisbarra, deixou de recibir 261 sufraxios mentres AGE foi quen de lograr 141.
  • Vimianzo.:
    Na capital soneirán todos perderon e non pouco. O PP, gañador neste concello, perdeu sen embargo 214 votos, poucos iso si en comparación co PSOE (-569) e co BNG (-502). Neste concello é onde socialistas e frentistas perden mais sufraxios de toda a bisbarra. Tamén é o lugar, despois de Cee, onde máis votos colleitou a coalición de esquerda de Anova e EU (AGE). Foron en total 259 as persoas que se decidiron por esta opción.
  • Zas:
    Por último a vila máis tradicionalmente proclive a votar ao BNG tamén foi a que propiciou a maior caída en toda a comarca deste partido nas autonómicas de onte. Os nacionalistas perderon nada menos que 612 votos con respecto a 2009 e pasan de 1215 a 603 sufraxios. AGE sumou aquí 196 votantes mentres que o PSOE, que non logrou nunca bos resultados neste concello, perdeu mais de 200 votos con respecto as ultimas autonómicas.

Concluíndo

A modo de conclusión, a comarca amosou con claridade o sucedido no resto do país. A abstención, similar a de anteriores comicios galegos, non pode servir de escusa a ningunha formación. Os números son claros.

Por unha banda, na comarca, 1567 persoas que votaran o PP en 2009 decidiron non facelo, o que significa un importante bocado a un electorado tradicionalmente fiel.

No caso dos socialistas a endogamia, entendida como a propensión desta formación a seguir exprimindo os vellos lideres pechando o paso a xente nova, apartándose así da tradicional base do seu electorado (na nosa bisbarra, xente de entre 25 e 45 anos, de clase media ou obreiros e de esquerda moderada) parece ter pasado, como no resto do país, unha profunda factura. 3673 votantes do PSdG-PSOE na comarca decidiron non confiar neste partido ocasionando, na suma do país, a maior caída histórica desta forza no parlamento galego.

Por outra banda, reducir o batacazo do BNG a unha mera consecuencia das guerras internas e escisións deste pasado ano é moi simplista. Os líderes deste partido (que os ten, mal que lle pese) levan tantos meses dando unha imaxe tan patética que o natural era que isto sucederá tarde ou cedo.

A irrupción de Beiras na campaña, un espello no que comparar a falla de carisma e capacidade do candidato do BNG e do seu voceiro nacional, só serviu para acelerar o proceso. Na nosa bisbarra, onde o BNG non era xa unha forza que disputase o PSOE a hexemonía da esquerda (salvo en Vimianzo e Zas nunca foi quen de dar grandes medidas en comicios autonómicos) foi quen sen embargo de perder nada menos que 2700 votos, dato que sumado ao do resto do país certifica a perda de 5 deputados na cámara galega.

A entrada de AGE como 4ª forza en tódolos concellos merece capitulo a parte.
Sen facer campaña, sen figuras representativas na nosa bisbarra, sen base real sobre a que realizar actos (ningún membro da lista pola provincia desta formación realizou acto algún na Costa da Morte) non resulta lóxico nin ten base ningunha que 2084 persoas se decidirán a votar por esta coalición.
A desafección das filas nacionalistas (do BNG) ten moito que ver en todo isto pero tamén a cercanía das verbas de Beiras e de Yolanda Díaz (numero un de EU) ao discurso mais 15M e revolucionario que se escoita dende o comezo da crise. Terá que medirse aínda que percorrido leva a recen nacida formación pero, de seguir a súa progresión, non descarto a entrada de algún concelleiro deste grupo en futuros gobernos municipais en 2015. Queda dito.

O escenario é novo, por moito que dende medios da dereita algúns analistas se empeñen en dicir que este foi un “voto de confianza” as políticas de Rajoy. En Galicia nada menos que 135.000 persoas, votantes do PP que contaron que este partido en 2009 deixaron de contar con el cando máis “confianza” e “apoio” necesitaban Feijoo e Rajoy. Entender isto como unha vitoria é propio de hooligans e descerebrados.

Por outra banda, a refundación da esquerda pasou de problema numero 3 dos galegos a problema numero 1 o igual que a necesidade de que no BNG entendan que o resultado da súa ultima asemblea nacional foi equívoco (coma pouco) e merece unha análise mais profunda que a despachada onte a noite por Jorquera. Canto antes entendan no BNG que Galicia necesita un partido independentista serio e non un aula de filosofía marxista mellor para todos.

O problema socialista é máis grave porque non ten solución nin a medio prazo. É tan profunda a desfeita socialista, o ninguneo as súas bases e a necesidade de reformas que acaben coa endogamia e procuren un tempo novo con novas mensaxes (mais propias da esquerda federalista) novas caras e novos modos, que dubido que os próximos catro anos que gobernara o PP en Galicia sexan tempo suficiente para transmitir a sociedade galega e da comarca eses cambios.

Por último, a miña aposta persoal hoxe vai cara do que será próximo presidente da Xunta. Dubido moito, e o tempo darame ou quitarame a razón, que A. Núñez Feijoo sexa presidente da Xunta máis aló do próximo ano. I é que unha figura do seu tamaño a nivel nacional hoxe (lograr permanecer no poder neste contexto de crise é profundamente simbólico) ten, na miña humildísima opinión, os días contados en Galicia. Non precisaba Rajoy un recambio a medio prazo si pedía o rescate?. Pois iso.

Novas relacionadas

Outras eleccións

Fonte

comentarios