Oficina de Turismo: Pechada por vacacións

O turismo na Costa da Morte é de traca. Menos mal que é un dos motores económicos do futuro e xa do presente. Pero a falta de profesionalidade e a falta de implicación das administracións fai levar as mans a cabeza máis dunha vez. Ben é certo que temos bos exemplos, como as experiencias formativas dos profesionais de Camariñas mesmo devolvendo á vida un espazo tan simbólico como o Faro Vilán; ou os bravos de Cruceros Fisterra que levan un verán a toda máquina, con ata 5 e 6 saídas diarias. Por certo, atentos que o vindeiro día 9 fan a festa de fin de verán, baixo a gran lúa chea; o incrible traballo dos trasn@s co Camiño dos Faros; ou mesmo o gran traballo do Grupo Insua durante todo o verán e a creación dunha nova Axencia de viaxes para atraer turistas, e mesmo para informalos como Punto de Información. Todas de índole privado ou civil.

Pero lamentablemente son as malas experiencias as que máis nos dan que pensar. A máis grave pode ser a espera a que o CMAT, o ente que en teoría vai xestionar o xeodestino Costa da Morte empece a funcionar, pois xa van 8 meses dende a súa presentación aló por decembro pasado. 8 meses dende a súa creación, pero tras 4 ou 5 anos de perda de investimentos pola falta de unidade do sector.

Un dos últimos despropósitos o comprobamos en Corcubión, onde unha das escasas oficinas de turismo da Costa da Morte, a que rexentaba a APTCM, estivo pechada durante todo o verán por falta de orzamento. Un Punto de Información Turística sinalizado dende que entras na comarca fisterrá, e son os veciños, e algún (non todos) hostaleiro responsable (e listo), os que acaban facendo de improvisados guías. Pero é que o Punto de Información máis importante debe ser o Faro Fisterra, o maior foco de visitantes de toda a Costa da Morte. Un Faro Fisterra esquecido, e no canto de contratar aos mellores profesionais para que abran as portas de todos os tesouros da bisbarra aos visitantes, é unha mágoa ver como as persoas contratadas non son as máis axeitadas nin contan coas mellores condicións, deixando así escapar moitas veces a turistas que chegan, tocan a fin da terra, e marchan. Podemos quedarnos en Fisterra, onde o Museo da Pesca estivo sen luz durante un liongo tempo. Ou podemos falar da a tardía apertura das Torres do Allo e os Batáns do Mosquetín cunha cando menos dubidosa adxudicación Temos outros que xa son un clásico das queixas dos hostaleiros da zona: a competencia desleal dos que van á caza do peregrino; a problemática coas tendas en Mar de Fóra, estes días alimentada por un roubo nunha casa do lugar; ou a cantidade de necesidades do Camiño de Santiago. De feito, o sector hostaleiro de Fisterra segue indignado dende hai anos por carencias tan evidentes como un carril para peóns e bicis no camiño ata o Faro.

Boas prácticas no turismo costeiro

Malas experiencias

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).