Luns. 19.10.2020
El tiempo

Oposición e veciñanza preguntan polas obras de Caneliñas

A Asociación de Veciños de Gures xuntaba aos que teñen barcos no peirao de Caneliñas para analizar a situación
A Asociación de Veciños de Gures xuntaba aos que teñen barcos no peirao de Caneliñas para analizar a situación
Oposición e veciñanza preguntan polas obras de Caneliñas

Caneliñas é unha das xoias do litoral ceense. O seu estado salvaxe combinado co abandono secular da súa fábrica baleeira convirten o lugar un espazo de singular atractivo, se ben é certo que a súa posta en valor, con moito tino, debería afrontarse nalgún momento.

Intentouno Ramón Vigo aló nos tempos dos grandes proxectos (2008) cun centro de talasoterapia que quedou en nada. Xa o pasado mes de febreiro de 2019, e co PSOE aínda na oposición, Margarita Lamela xuntábase con Director de Costas, Rafael Eimil, para valorar a “necesidade de facer un plan especial de actuación en Caneliñas, coa idea de recuperar a contorna, que segue albergando os restos da fábrica baleeira abandonada, para a práctica de actividades náuticas, deportivas e recreativas”.

Este pasado mes de setembro volvía Eimil pola zona para analizar as primeiras accións no singular espazo. Unhas obras que consistirían na retirada da rampla existente que é usada polos mariñeiros para baixar as lanchas ao mar; así como o derrubamento do muro de mampostería que entra no mar desde o areal.

Unhas obras polas que a oposición se ten enteirado polos representantes de Costas, pero segundo denuncian tanto PP, como BNG, nunca polo goberno local. De feito, os 4 grupos presentaron escritos no Concello pedindo información sobre as obras que se van desenvolver, e piden a convocatoria dunha xuntanza coa oposición para informar dos obxectivos do proxecto integral.

O voceiro do PP Antonio Domínguez lamenta que “intenten destruír 100 anos de patrimonio industrial de Galicia”, e é rotundo: “Non estamos dispostos a poñer fin á historia de Caneliñas, nin por suposto a prexudicar aos veciños do noso concello que seguen empregando a rampla para subir e baixar os barcos. Isto é típico da Alcaldesa, en vez de limpar e conservar o entorno de Caneliñas, dedícase a destruílo”.

Pola súa parte, o voceiro do BNG Serxio Domínguez lamenta non ter sido convocado para ”aportar ideas para esas melloras do entorno da praia de Caneliñas, como a iluminación do peirao na súa totalidade, a mellora do formigonado do mesmo, a necesidade de obrigar aos propietarios dos terreos da baleeira a manter a finca e a instalación en estado óptimo de salubridade, etc…”

Novas relacionadas

comentarios