Domingo. 15.09.2024
El tiempo

Os bombeiros seguen en loita

Os bombeiros seguen en loita
Bombeiros de Santa Comba esixindo a readmision dos despedidos

Levamos meses seguindo a loita dos bombeiros da Costa da Morte. Folgas, manifestacións, comunicados… pero as relacións coa empresa adxudicataria do servizo de Bombeiros (non debería ser un servizo integramente público?) Nanutecnia, non fan máis que empeorar. A semana pasada vivían un novo episodio, tralo despido de dous traballadores do Parque de Santa Comba, “sen abrir un expediente previo e sen deixar opción de defensa algunha os despedidos”, sinalan voces dos afectados.
”Unha medida inxusta, abusiva e desproporcionada por parte de unha empresa que sempre enarbolou a bandeira do diálogo e a negociación e que en notas de prensa loubou a grande profesionalidade dos seus traballadores”, valoraron os voceiros.

Un despedimento que mobilizou a todo o corpo de Bombeiros, ao de toda España, e que tras varios días de protesta, conseguiron a súa readmisión. A cousa, polo tanto, foi catalogada polos Bombeiros como “un duro golpe, pero seguimos aguantando”. De feito coas protestas destes días, ademais da readmisión dos dous despedidos, conseguiron “un convenio onde non hai puntos escravistas”, e ademais teñen pendente unha reunión para o día 6 de xuño, a ver se por fina achegan posturas de cara a asinar un convenio beneficioso para todos.

Pero antes, coñecemos de primeira man, os feitos que levaron ao despedimento dos dous traballadores:

Resumen dos feitos

Na madrugada do 13 de Maio alguén entrou no recinto do parque de Sta. Comba e prendeu lume en dous portalóns das cocheiras pola parte exterior. O bombeiro que se atopaba na sala de control percibiu uns ruídos e saiu a comprobar que era o que pasaba.
Vendo o lume, alertou inmediatamente os compañeiros de garda, que se atopaban nas horas de descanso e con celeridade apagaron un lume que quedou sen consecuencias para o bo funcionamento do servizo.
No mesmo día declararon voluntariamente nas dependencias da Garda Civil sobre os feitos acontecidos, dos cales quixeron dar copia ó xerente da empresa e que este non aceptou con ademáns de non querer saber nada de tales declaracións.

Precisamente, o 16 de Maio a empresa notificou ós 6 parques que xestiona, a obrigatoriedade de facer labores de vixilancia por parte dos traballadores de 2:00 a 7:00 horas da madrugada, facendo revisións polo exterior dos parques.
Esta actitude opresiva de ordenar funcións que non corresponden os bombeiros e tampouco cos servizos mínimos declarados para a folga, e nin tan sequera teñen nada que ver coa profesión de bombeiros, reflicte unha vez mais que tipo de empresa xestiona un servizo publico de emerxencias pagado cos impostos de tódolos cidadáns.

Hai que lembrar que a actual folga de máis de 8 meses se convocou a raíz da reticencia da empresa de firmar un convenio, a pesares de ser a única en Galicia sen convenio. Para poñer guinda o asunto, hoxe pola mañá, despois de que os representantes dos traballadores enviaran un escrito mostrando a súa absoluta desconformidade coa orde de “vixilancia” ditada pola empresa, esta notifica o despedimento de dous dos tres traballadores que o pasado día 13 sufriron un acto vandálico na súa xornada de traballo.

Os representantes dos traballadores debaterán mañá no peche “sui generis” no parque de Sarria as vindeiras medidas a tomar e a actitude de cara á reunión coa empresa o xoves 22 para tentar acadar unha firma dun convenio, que a estas alturas e debido os feitos vandálicos e inxustificados da empresa, pasa a un segundo plano.

En breve se convocara unha reunión de tódolos representantes dos parques de bombeiros de xestión privada de Galicia, onde se determinarán as medidas a tomar de cara a que empresas como esta, que despide de maneira arbitraria, non teña dereito a xestionar un servizo pagado con cartos públicos. Cartos públicos que usaran para pagar as indemnizacións do despido de dous traballadores de maneira inxustificada.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios