mércores. 30.04.2025
El tiempo

Para que o Día da Muller sexa algo máis que unha efeméride

Para que o Día da Muller sexa algo máis que unha efeméride
Dia da Muller Gala Implicate Buserana

A Organización Feminista Buserana, dende hai anos pioneira e referente da bisbarra na loita a prol dos dereitos de todas as mulleres, quere con motivo do 8 de marzo sumarse ao Día Internacional da Muller dun xeito diferente ao de outros anos, e por iso organiza a I Gala Solidaria do Día da Muller, que ten como razón de ser, convidar á sensibilización e implicación da cidadanía da Costa da Morte participando con este pequeno xesto solidario, e colaborando así coas Ongs que dende a perspectiva de xénero, con moita vontade e escasos medios están a cooperar a favor da igualdade e xustiza social en distintos lugares do mundo.

A cita, o sábado 5 de marzo no salón de actos da Casa do Concello de Cée, ás 19:00, valerá para que o Día da Muller sexa algo máis que unha efeméride.

Nesta primeira Gala, achegaranse ás vidas das mulleres que non compoñen o noso entorno, pero que comparten as nosas inquedanzas sen que a distancia supoña obstáculo algún.   Da man da ONG Implicadas no Desenvolvemento, viaxarán ata o seu traballo de cooperación con mulleres da India, nun documental cun título que debería ser premonitorio "Cambia de Papel" (Dirixido por María Reimondez, Luis Tosar e Kutti Revathi). Grazas á implicación desta ONG e á solidariedade de quen se involucra desinteresadamente nestes proxectos, a vida de moitas mulleres, nenos e nenas é un chisco mellor cada día. 

Toda celebración conleva a súa dose de danza e música, que veremos reflectida no Grupo de Baile Breogán de Brens e nas Pandereteiras Millo Verde de Corcubión. Tamén haberá tempo para a poesía na voz de Concha Blanco, Rosalía Fernández e Marta Dacosta, todas e todos persoas de talento e sensibilidade que non podes deixar de coñecer.
Buserana agradécelles a súa colaboración sen contraprestación económica pois non dubidaron en participar con nós dun xeito totalmente solidario.

Ao final da gala, farase un sorteo entre as persoas asistentes ao acto con produtos da Ong. Os cartos recadados con esta iniciativa irán integramente a colaborar cos proxectos actuais de Implicadas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios