Rosana e o pregón de Susana Gómez Castiñeira, os puntos fortes das Festas da Xunqueira 2017
17:01 27/06/17
A concelleira de Cultura, Deporte e Tempo Libre, Camola Díaz, o alcalde Ramón Vigo e o o presidente da Comisión de Festas, Paco Brea na presentación do cartel da Xunqueira 2017
Sempre é un momento especial, a chegada do cartel das Festas da Xunqueira de Cee. Aínda non temos o cartel oficial, pero xa sabemos os puntos fortes da patroa ceesa, que este ano se celebrará os días 12, 13, 14 15, e 16 de agosto. Unhas festas que este ano teñen un orzamento de 90.000€.
O punto de partida porao, nesta ocasión, a deportista ceesa, Susana Gómez Castiñeira. Moi coñecida por todos os veciños, Susana participa en “trails” extremos como a Rovaniemi 150 de Finlandia na que foi a primeira española en acadar a meta tras percorrer a pe os 565 km de xeo e neve que conforman a proba. Tamén acaba de presentar o seu primeiro libro no que conta as súas experiencias no mundo do deporte extremo.
O día seguinte, 13 de agosto, virá marcado pola cor negra, xa que será Iria Mejuto da man de “Black”, a que fará bailar e sentir a todolos ceeses e visitantes a través da súa música soul.
O día 14 o rock&roll chegará a Cee da man de Trogloditas. A banda, traerá os seus clásicos de sempre como “Cadillac Solitario” ou “La mataré” mesturados con temas novos. Tras o seu concertó será o turno da máis que coñecida disco móvil ceense CDC.
O día grande da Xunqueira, 15 de agosto, comezará con actos litúrxicos e relixiosos seguido do concertó da Banda de Música de Cee na Alameda. A sesión vermú será da man da orquestra Trébol que estará acompañada polas rúas das charangas NBA e O Rumbo. Como cada ano, Cee vibrará cos fogos de artificio no Paseo do Alcalde Pepe Sánchez. Un espectáculo incomparable polo marco no que se desenvolve, a nosa ría. Nesta xornada, a música seguirá soando de noite coas orquestras Trébol e Royal Espectáculos.
As celebracións de San Roque, o día 16, estarán marcadas pola presencia de Rosana. A cantante canaria chegará a Cee coa súa voz rota para presentar o seo novo disco “En la memoria de la piel” que combinará con clásicos como “El Talismán” ou “Si tu no estás aquí”. O concertó forma parte da súa xira Rosana Tour 2017. A artista estará flanqueada pola orquestra Esencia que tamén levará a sesión vermú. A Banda Santa Cruz de Rivadulla e a orquestra Esencia serán tamén parte importante da xornada.
Fonte
- Concello de Cee