sábado. 21.03.2026
El tiempo

Máis citas singulares para o Carballo Interplay

foto estela bio - Estela Ortiz
Máis citas singulares para o Carballo Interplay

Segue sumando contidos a 13ª edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará do 16 ao 19 de abril. Desta volta anuncian dúas novas actividades que revisitan dous títulos emblemáticos da historia da televisión desde unha mirada actual, lúdica e chea de novas lecturas. O Mercado de Carballo acollerá así un encontro arredor de Sexo en Nueva York e outro centrado en Twin Peaks, dúas propostas que parten de series xa convertidas en clásicos para demostrar a súa capacidade de seguir xerando análise, conversa e fascinación no presente.

O primeiro destes encontros terá lugar o venres 17 de abril ás 19.00 horas coa gravación en directo de Sexo en Nueva York Podcast, da man de Raquel Piñeiro e Patricia Blanco. Xa o sábado 18, ás 18.30 horas, será a quenda de I’ll see you in dreams. Twin Peaks unha conversa entre Estela Ortiz e Juan Evaristo Valls Boix arredor da icónica creación de David Lynch.

As dúas actividades súmanse a unha edición que volverá converter a vila coruñesa nun punto de encontro para algunhas das voces máis estimulantes do panorama dixital e cultural actual.

Pop-y-Muerte - Pop Muerte
Kiko Amat e Benja Villegas de Pop y Muerte

Outros dos avances é a gravación do podcast Pop y Muerte, conducido por Kiko Amat e Benja Villegas. Será a primeira vez que o dúo pasa por Galicia cun dos programas máis queridos do panorama de podcast estatal.
A actividade terá lugar o sábado 18 de abril ás 22.30 horas no Mercado de Carballo, dentro dunha nova entrega do certame que converterá de novo a vila nun espazo de encontro arredor das tendencias audiovisuais da rede, a creación dixital e as voces máis estimulantes do panorama actual.

 

Comentarios