Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O suposto caso de acoso axita a concentración dos venres dos traballadores de XEAL

Manfestacion en xeal
Imaxe dunha concentración pasada en XEAL
O suposto caso de acoso axita a concentración dos venres dos traballadores de XEAL
Un novo venres , este 16, cos traballadores de XEAL concentrándose a partir das 14:45 ás portas da fábrica de Cee. Non desiste das súas mobilizacións o Comité para esixir da Xunta de Galiza que recoñeza a nulidade da operación de venda de FerroAtlántica (Grupo FerroGlobe) a TPG-Ithaka, para demandar da empresa un calendario de rearranque dos fornos e para que se fagan os investimentos necesarios para garantir a viabilidade das fábricas e o mantemento de todos os postos de traballo.

Mentres, cada vez está máis axitado o suposto caso de acoso sexual e laboral que sufriron dúas traballadoras por parte dun alto cargo, que xa ten provocado reaccións na empresa. De feito, este xoves aínda se constituía a mesa de negociación do Plan de Igualdade, a pesar de que a empresa “fachendeaba” arredor do 8 de marzo que estaba moi avanzado.

”Un plan que consideramos moi necesario nesta empresa”, deixa claro un Comité que xa presentou a súa denuncia ante a Inspección de Traballo polos feitos, e que volveu a pedir que se “adopten as medidas oportunas co presunto agresor e para preservar os dereitos e a dignidade das dúas traballadoras”. “A dirección non pode continuar protexendo a esta persoa e sendo cómplice de comportamentos machistas nos nosos centros de traballo”, denuncian. “É a súa obriga garantir un entorno laboral seguro e libre de calquera tipo de violencia, polo que esiximos unha actuación contundente para evitar que se repitan estas situacións e ao tempo demandamos o cese da política de represión iniciada por XEAL, que se materializa en despedimentos selectivos de traballadores/as baseados en supostas baixadas voluntarias do rendemento”.

Na concentración tamén estará presente o traballador despedido hai pouco.

Novas relacionadas

Comentarios