Sábado. 04.07.2020
El tiempo

Tesouros da Fundación: Máquina de escribir Underwood Nº5

  • Fabricante: Underwood Typerwiter Company (New York)
  • Distribuidor en España: Guillermo Truninger S.A.
  • Cronoloxía: Principios século XX
Tesouros da Fundación: Máquina de escribir Underwood Nº5

VISTA LATERAL da MÁQUINA DE ESCRIBIR UNDERWOOD N5 Da Fundacion Fernando Blanco
Vista lateral

Esta elegante máquina de escribir é todo un clásico no campo das antigüidades polo seu deseño intemporal, pola súa solidez e pola súa fiabilidade.

O corpo da máquina é de ferro fundido e está esmaltado en negro, presentando aberturas laterais e traseiras que deixan ver o complexo mecanismo. Conserva tamén os filetes dourados e os logotipos e calcas orixinais. Na parte frontal, sobre o teclado, vemos o nome UNDERWOOD, que aparece tamén impreso sobre o carro. Na parte traseira leva impreso o nome da empresa e unha longa lista de patentes do modelo.

O teclado, pola súa parte, está formado por pezas redondas con fondo branco e símbolos negros, reforzadas con aneis niquelados.

Cando alguén pensa nunha “vella máquina de escribir” seguramente imaxina algo moi parecido á Underwood no 5. E non é de estrañar, por que este é o deseño de máquina de escribir é o de maior éxito da historia. Despois da súa aparición Underwood estableceu o estereotipo da máquina de escribir ata a introdución de IBM Selectric en 1961. Cando se introduciu no mercado era só un dos centos de deseños competitivos e extremadamente variados, pero sobre o 1920 tódalas máquinas de eescribir imitaban a Underwood.

FACHADA EXTERIOR DE UNDERWOOD TYPEWRITTER COMPANY copia

Quizais a Underwood nunca vira a luz de non ser pola disputa entre Thomas Underwood e a empresa Remington. No 1895, Thomas Underwood, fabricante de cintas para máquinas de escribir e papel carbón, propúxolle á Remington Company renovar o contrato de subministrador de cintas, pero a empresa informoulle de que rexeitaba os seus servizos por que pretendía producir as cintas ela mesma.

Tras este rexeitamento, e profundamente doído, Thomas Underwood mercou os dereitos dunha máquina nova ideada polo alemán Franz Xaver Wagner, lanzándose á fabricación de máquinas de escribir cun éxito inusitado.

As Underwood mais escasas e valiosas son as no 1 e as no 2. Só se fabricaron arredor de 12.000 exemplares entre 1896 e 1900. Están etiquetadas como “Wagner Typewriter Company” e difiren en formas sutís das Underwood posteriores. Unha diferencia é a ausencia do selector de cor da cinta que pode verse no lado dereito da máquina protagonista deste artigo.

Os modelos Underwood 3, 4 e 5 fabricáronse dende finais de 1900 ata finais de 1931. O no 3 é un modelo de carro ancho, o no 4 escribe 76 caracteres e o no 5 escribe 84 caracteres.

FACTURA DE 1925 da Maquina de Escribir Underwood a Fernando Blanco
Factura de 1925

A Underwood nº5, como dicía antes, foi a Underwood por excelencia. Millóns de exemplares deste modelo de máquina de escribir foron utilizadas por secretarios, xornalistas, funcionarios gobernamentais e escritores durante a primeira metade do século XX, posto que demostrou ser moi práctica en varios sentidos, a pesar de moitas características de deseño non resultasen especialmente innovadoras.

Ao contrario que outras máquinas que imprimían a partir de tipos individuais, a Underwood adoptou o formato de barra de tipos, o cal demostrou acomodarse mellor a escrituras mais veloces. Mais importante foi o feito de que permitía ver o que se escribía grazas ao seu mecanismo de “golpe frontal”, posto que as máquinas de “golpe inferior” imprimían na parte baixa da planta ou superficie de impresión, e había que levantar o carro para poder ver o que se escribira.

As Underwood optaron polo teclado QWERTY ou universal que era o mais coñecido, aínda que existían outros sistemas dispoñibles. A Underwood no 5 dispoñía de 84 caracteres distribuídos en catro filas de teclas, e unha soa tecla para cambiar a maiúsculas, o que facilitaba a mecanografía ao tacto e unha maior rapidez de escritura.

Finalmente, a compañía Underwood foi comprada por Olivetti a comezos da década de 1960. O Instituto da Fundación Fernando Blanco de Cee combinou sabiamente, dende as súas orixes, a educación humanística e científica coa aprendizaxe de materias prácticas e necesarias para o desenvolvemento económico da comarca (contabilidade, comercio, mecánica industrial, idiomas, etc). Dentro deste tipo de ensinanzas aplicadas hai que destacala mecanografía, que se imparte por primeira vez en Galicia na Fundación Fernando Blanco, concretamente no curso de 1902-1903, cando se adquire unha máquina da marca New Century Calligraph.

Así aparece recollida esta adquisición na Memoria de dito curso: “... se han adquirido 16 mesas sistama Moreno para 32 plazas en la Escuela de Niños, por causa del aumento habido en la matrícula de dicha clase; 17 mapas murales de Torres Campos, recientemente editados con arreglo á los adelantos pedagógicos; dos colecciones de mapas Reinoso; tres mapas murales de Paluzie, de ellos dos de Europa y uno de España; una máquina de coser sistema Singer para la Escuela de Niñas; una máquina de escribir sistema New Century para la enseñanza de mecanografía; métodos de solfeo por Eslava y Arangures; etcétera”.

EXERCICIO DE MECANOGRAFÍA DO CURSO 1903-1904 copia
Exercicio de mecanografía en 1903-1904

  • Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIÓN

comentarios