Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Tesouros da Fundación: Óleo de Fernando Blanco de Lema

  • Autor: Federico de Madrazo y Kuntz
  • Cronoloxía: 1884
Fernando Blanco de Lema por Federico de Madrazo
Federico de Madrazo foi o autor deste óleo de Fernando Blanco
Tesouros da Fundación: Óleo de Fernando Blanco de Lema

A Fundación Fernando Blanco de Lema conta con oito retratos realizados polo gran Federico de Madrazo y Kuntz, todos eles datados entre os anos de 1884 e 1888. Trátanse de dous retratos de Fernando Blanco de Lema, dous de Vicente Vázquez Queipo (apoderado do seu testamento) e catro retratos dos catro primeiros albaceas (Juan Álvarez Baldonedo, Brígido Zavala, Antonio Vázquez Queipo e Anselmo Rodríguez Domínguez).

A obra que nos ocupa neste artigo é un dos dous retratos póstumos do fundador, posto que Fernando Blanco de Lema finou na Habana en 1875, e o óleo está datado en 1884. Federico de Madrazo non coñeceu a Fernando Blanco, e para poder retratalo empregou unha fotografía enviada dende Cuba polos albaceas do filántropo ceense.

Trátase dun cadro de gran tamaño (205 cm x 120 cm), realizado coa técnica do óleo sobre lenzo. Representa a Fernando Blanco de Lema en idade madura e elegantemente vestido, de corpo enteiro, de pé, coa perna esquerda lixeiramente adiantada e dobrada, coa cabeza xirada tres cuartos cara a dereita, con expresión de meditación, esbozando un lixeirísimo sorriso, e apoiando unha man sobre unha mesa na que aparecen un libro e papeis. Nun deses papeis que aparecen depositados sobre a mesa pode lerse a inscrición “S. D. Fernando Blanco de Lema y Suárez Prieto. Fundador del Colegio y Escuela de niñas de Sta María de Cee”.

Captura de pantalla 2020-03-14 a la(s) 08.44.57

O cadro está asinado, na súa parte esquerda coa seguinte inscrición “F. de Mo. 1884” (Federico de Madrazo. 1884).

Sinatura de Fecerico de Madrazo

Preséntasenos neste cadro a gran influencia que sobre Madrazo exerceu o pintor Ingres, sobresaíndo coma o seu mestre na perfección do debuxo. O ingrismo de Madrazo está cheo dun rigoroso purismo inspirado en Rafael e en Perugino. Preséntanos aos personaxes coma posuidores dunha grande sensibilidade, agudeza e serenidade. Con respecto á cor, evita os grandes contrastes, utilizando para elo unha gran gama de cores harmoniosas, e rexeitando as cores fortes.

O pintor Perugino (Federico de Madrazo, 1873)
Retrato do pintor Perugino feito por Federico de Madrazo, 1873

Os retratos de Federico de Madrazo conservados na Fundación son obras dunha extraordinaria relevancia posto que non hai que esquecer que o autor está considerado o mais grande retratista español do século XIX, e ademais foron realizados nos últimos anos de actividade do artista, cando acadara a súa cima como pintor.

Orixinalmente este retrato do fundador presidía o salón de actos do Instituto Fernando Blanco (actual Sala de Profesor@s), e estaba situado debaixo dun fermoso dosel (ornamento que se coloca formando teito sobre un trono, altar, etc., e do que soen colgar cortinaxes). Na actualidade preside o Museo Fernando Blanco situado na Alameda da vila de Cee.

Federico de Madrazo y Kuntz

Fecerico de Madrazo no seu estudo (1885 - 1894)
Federico de Madrazo no seu estudo (1885 - 1894)

Federico de Madrazo y Kuntz (Roma, 1815 – Madrid, 1894) era fillo do influínte pintor neoclásico José de Madrazo e de Cecilia Kuntz, filla do tamén pintor Tadeo Kuntz.
Nace en Roma, onde seu pai servía ao rei Carlos IV no exilio, sendo bautizado na basílica de San Pedro do vaticano e apadriñado polo príncipe Fecerico de Saxonia.
Trasladouse coa súa familia a Madrid cando o seu pai pasou a ser pintor de cámara de Fernando VII en 1819. Neste ambiente privilexiado medrou Federico de Madrazo, o que sen dúbida propiciou que, dende mozo, desenvolvese as súas dotes para a pintura.
Formado na Academia de San Fernando, sería nomeado académico de mérito en 1831, con tan só dezaseis anos. Por entón deu comezo a súa prematura carreira cortesá cunha pintura propagandística encargada pola raíña María Cristina, de especial interese iconográfico e simbólico, “A enfermidade de Fernando VII”, que lle reportou gran fama e recoñecemento dende a súa xuventude.
Pero a súa definitiva formación coma pintor, absolutamente cosmopolita, tivo lugar entre as dúas grandes capitais artísticas europeas do seu tempo.
En 1833 emprendeu unha viaxe a París, cidade na que volvería a instalarse entre entre 1837 e 1839. Neses anos estivo en contacto con Ingres e con outros pintores franceses de éxito.
Pouco antes de abandonar París comezara a traballar nunha das pinturas de composición capitais da súa carreira, “As tres Marías no Sepulcro” (Sevilla, Reais Alcázares). Co proxecto de concluír ese cadro instalouse en Roma, cidade na que remataría de perfeccionarse coma artista, incorporando ao seu estilo algúns elementos do purismo de raíz nazarena que puido coñecer alí, directamente, e que non só afectarían á súa plástica, senón tamén ao seu modo de concibir a formación artística dos seus futuros alumnos.

No 1842 Madrazo regresou a Madrid, onde axiña consolidou a súa carreira cortesá e acadou o posto de pintor de cámara.
No 1844 pintou o gran retrato “A raíña Isabel II” co que asentou definitivamente o seu posto como retratista oficial da Coroa.
Ao calor do seu indiscutible protagonismo como retratista da raíña, Federico desfrutou dunha gran demanda entre a burguesía e a aristocracia madrileñas. Así, pronto acuñou os seus propios modelos retratísticos orixinais, que terían unha gran difusión no mercado artístico dos anos centrais do século XIX. Neses anos comezou a madurar o seu estilo mais característico, no que adquiriron un gran peso os retratos españois do Século de Ouro, que marcarían o resto da súa carreira.
A súa pintura está definida por medio dunha pincelada preta e moi brillante. Os seus retratos distínguense pola corrección, pola elegancia do debuxo e pola distinción do colorido.

Madrazo adquiriu unha gran predominancia no panorama artístico español, pois non só foi director do Museo do Prado, senón que rexía tamén a Academia de Belas Artes de San Fernando. Madrazo foi un dos mais grandes retratistas españois do século XIX, influíndo en numerosas xeracións de pintores en España, pois a súa labor como docente foi moi dilatada, e estivo apoiada tanto no enorme peso social que chegou a acaparar, como na extrema calidade dos seus retratos, que non foi igualada por ningún dos seus rivais.

Amalia de Llano y Dotres. Condesa de Vilches (Federico_de_Madrazo, 1853)
Amalia de Llano y Dotres. Condesa de Vilches (Federico de Madrazo, 1853)

  • Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco.
 

Outras novas da Fundación Fernando Blanco.

 

Comentarios