Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Tesouros da Fundación: Estación Telefónica Interurbana (O primeiro teléfono de Cee)

  • Fabricante: L. M. Ericsson & Co.
  • Cronoloxía: 1887.
ESTACION TELEFONICA INTERURBANA L M ERICSSON-Co na Fundacion Fernando Blanco
Estación Telefónica Interurbana de L. M. Ericsson & Co
Tesouros da Fundación: Estación Telefónica Interurbana (O primeiro teléfono de Cee)

Aparello emisor/receptor construído en madeira e artisticamente traballado. Exteriormente obsérvase o auricular que colga sobre un gancho no lado esquerdo, unha pequena manivela cebadora no lado dereito, e un timbre eléctrico de dús campás na parte superior.

Este teléfono, o primeiro de Cee, instalouse no Instituto Fernando Blanco no ano 1887 previa autorización da Dirección Xeral de Correos e Telégrafos. A vila comunicábase así coa estación telegráfica de Corcubión e, a vila través desta, co resto do mundo.

O seu sostemento correu a cargo da Fundación e, agás as taxas cobradas por Facenda, o resto das recadacións, por decisión dos responsables da Fundación, investíronse en diversas obras públicas necesarias. De feito, a primeira obra que se aborda con estes ingresos é a mellora da rúa de acceso ao vello instituto.

O primeiro teléfono de Cee foi cedido e formou parte da exposición “A noite está varrida da terra”, organizada pola sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega, co patrocinio de Unión Fenosa e da Universidade de Santiago de Compostela, celebrada no 2001 para conmemorar o 150 aniversario da utilización da luz eléctrica na capital galega.

Recadación do servizo telefónico durante o mes de novembro de 1904
Recadación do servizo telefónico durante o mes de novembro de 1904

Listado de chamadas do servizo telefónico durante o mes de xaneiro de 1917
Listado de chamadas do servizo telefónico durante o mes de xaneiro de 1917

Lars Magnus Ericsson

Lars Magnus Ericsson

Lars Magnus Ericsson (1846 – 1926) naceu en Värmskog, localidade pertencente á provincia de Värmland (Suecia). Na súa adolescencia dedicouse a diversos oficios como aprendiz de ferreiro, ferreiro, mineiro e peón na construción de ferrocarrís.
No 1867 a súa familia mudouse a Estocolmo, e alí atopu traballo na empresa dirixida por A. H. Oller, a cal dedicábase a fabricar equipos de telegrafía para as Forzas Armadas.
Entre os anos de 1872 e 1875 recibiu unha bolsa estatal que lle permitiu completar a súa formación en Alemania, traballando para Siemens, e en Suiza, traballando para Hasler.
Ao seu regreso a Suecia, no 1876, fundou a compañía L. M. Ericsson & Co xunto a Carl Johan Andersson, empresa que comezou súa andaina como taller de reparacións de equipos telegráficos. Nese mesmo ano de 1876, Bell patentou o teléfono nos E.E.U.U. Os equipos vendíanse por pares, pero a falta de infraestruturas e centrais de conmutación limitaban o seu uso a situacións domésticas, aínda que a súa utilidade era mais que evidente. L. M. Ericsson entendeu inmediatamente as súas posibilidades e necesidades, dirixindo os seus esforzos á creación de dispositivos manexables, fiables e económicos.
En 1883 asociouse con Henrik Tore Cedergren, fundador dunha compañía telefónica, iniciándose o desenvolvemento da empresa hoxe coñecida como Telefonaktiebolaget L. M. Ericsson.
Despois dunha brillante carreira, no 1900, retirouse da empresa, vendendo no 1905 tódalas súas accións da compañía.

Hoxe en día Ericsson é unha compañía multinacional dedicada a ofrecer equipos e solucións de telecomunicacións, principalmente nos campos da telefonía, telefonía móbil, comunicacións multimedia e internet.

Marca de fábrica Teléfono L. M. Ericsson
Marca de fábrica Teléfono L. M. Ericsson

  • Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco.
 

Outros Tesouros da Fundación

Outras novas da Fundación Fernando Blanco.

Comentarios