Venres. 19.04.2024
El tiempo

Tres Mares acode ao tecido social para salvar a piscifactoría de Lires

Tres Mares acode ao tecido social para salvar a piscifactoría de Lires
A-piscifatoria-de-Lires-de-Tres-Mares-pode-pechar

Hai xusto 3 anos da denuncia da Fiscalía á piscifactoría de Tres Mares en Lires por desecación do río Castro. Unha denuncia que vén precedida pola realizada pola entidade Ríos Con Vida un ano antes, a mesma que liberou a Fervenza do Ézaro.

O caso é que a denuncia da Fiscalía pode levar ao peche da piscifactoría de troita máis grande de España. A empresa ten que deixar correr o caudal ecolóxico ata a desembocadura do río Castro na fermosa ría de Lires, e deixar de incorrer en delitos de ”captación abusiva de augas, detracción de augas públicas e defraudación de fluído”. Pero dende a empresa consideran que “o novo réxime de caudais ecolóxicos que se pretende establecer podería acabar coa granxa de cría e procesado de troita”.

Por iso, veñen de mobilizar ao seu tecido social, e o Grupo Tres Mares entregará hoxe no rexistro do concello de Cee máis de 2300 firmas de homes e mulleres dos concellos próximos á planta que a empresa ten en Lires (Muxía, Baio, Cee, Fisterra, Dumbría, entre outros).
Estas firmas constitúen as alegacións que apoian a petición da revisión no establecemento dos novos caudais ecolóxicos, “de maneira que podan seguir desenvolvendo a súa actividade como veñen facéndoo dende hai máis de 45 anos”. “De non variarse esta estimación, Grupo Tres Mares estará condenada ao peche”, sinalan.

Segundo Luz Arregui, propietaria da empresa, "nós estamos abertos ao diálogo. Coñecemos o río onde nos desenvolvemos e somos os máis interesados en que se manteña nas mellores condicións, levamos máis de 45 anos en funcionamento e todo neste tempo a zona de Lires pasou a ser parte de Red Natura e declarada como Lugar de importancia Comunitaria (LIC). Hai un punto medio entre a nosa rendibilidade, o mantemento dos empregos e a sustentabilidade ambiental. O que non podemos e traballar sen auga, sen nada de auga, e esa é a situación que se nos presenta", sinalou ao entregar as firmas no Concello ceense.

Así, o luns 7 de abril finaliza o período de alegacións nas que se solicitará que se estableza o novo réxime de caudais ecolóxicos acordes á realidade socioeconómica e ambiental da cunca. Dende a empresa consideran, e así o fixeron ver nas alegacións presentadas, que “os datos tomados para a fixación do novo caudal están baseados en datos irreais, extrapolando datos dun modelo que non é coherente coa realidade dos ríos onde as plantas galegas dedicadas á acuicultura continental desenvolven a súa actividade”. Por iso piden a anulación do novo réxime de caudais ecolóxicos das masas de auga superficiais da categoría río da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

Argumentos en clave de empleo

Nestas circunstancias, as empresas botan man dos números. E se o Grupo Tres Mares é unha planta dedicada exclusivamente á produción e ao procesado de troita fresca e conxelada, consideran que “é un motor do emprego na zona da Costa da Morte, xerando máis de 70 postos de traballo directos e cerca de 1000 indirectos”.

A realidade é que é unha empresa con historia. A súa actividade comezou en 1969 e foron pioneiros na cría da troita en España. Con 2500 toneladas de produción, representa case un 15% da produción española, sendo o primeiro produtor de troita de Galicia e líder de exportación no seu sector con presencia en Rusia, Ukrania, Polonia, Alemaña, Checoslovaquia, Reino Unido, entre outros.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios