Urxen actuar na ponte da Pontenova para garantir a seguridade na estrada Pereira-Touriñán

O BNG de Muxía e de Cee veñen de urxir a actuar na ponte da Pontenova para que se garanta a seguridade na estrada Pereira-Touriñán, logo de que recibisen numerosas mensaxes da veciñanza para que se tomen medidas no lugar, onde xa se teñen producido varios accidentes, algún deles grave.
Segundo puideron comprobar os portavoces do BNG Mercé Barrientos e Serxio Domínguez, a ponte da Pontenova sobre o río Castro, que une os concellos de Cee e Muxía, foi traspasada de titularidade de Portos de Galicia a estes concellos, logo do convenio asinado entre ambas institucións hai anos, e despois de levadas a cabo as actuacións acordadas. Unha delas foi o estreitamento da ponte que actualmente impide a circulación por dous carrís, obrigando aos vehículos que circulan dun e outro lado a deterse cando vén outro de fronte.
“A veciñanza ten que sufrir esta falta de seguridade nos seus desprazamentos diarios; tamén os visitantes que transitan por esta vía de acceso a lugares tan concorridos como a praia de Nemiña ou o faro de Touriñán, que descoñecen o trazado, o que aumenta o risco”, sinalaron os nacionalistas, que indicaron que “cando a administración titular da vía -Portos- traspasou esta estrada aos concellos, realizou previamente unha reparación que a todas luces foi insuficiente; a vía ten, despois de poucos anos dos traballos de mantemento, problemas no firme e fochancas de tamaño considerable en varios puntos do seu trazado”.
Durante a visita á ponte, Serxio Domínguez e Mercé Barrientos puideron comprobar como en pouco tempo se deron varios casos de coches que tiveron que parar a un ou outro lado da ponte para permitir paso aos que viñan de fronte. “Este punto supón un auténtico perigo para a circulación”, insistiron.
“Aínda sendo conscientes de que a colocación dos quitamedos e dos novos valados eran necesarios para evitar posibles caídas ao río, consideramos que situación actual obriga a tomar medidas mais ambiciosas”, afirmaron os portavoces nacionalistas, que reclamaron que os gobernos municipais de Cee e Muxía revisen as actuacións realizadas por Portos e, como titulares da vía, tomen canto antes medidas para repoñer o firme da vía nas zonas deterioradas e acometan canto antes unha ampliación do ancho da ponte que garanta a seguridade e un tránsito normalizado para veciñanza e visitantes.