Xoves. 16.05.2024
El tiempo

Víctor Castiñeira abriu co seu pregón en clave de historia, as Festas da Xunqueira

Victor Castineira pregoeiro das Festas da Xunqueira de Zas 2022
Victor Castiñeira pregoeiro das Festas da Xunqueira de Cee-Foto: Rafa Quintáns
Víctor Castiñeira abriu co seu pregón en clave de historia, as Festas da Xunqueira

Aínda quedan dous días de boa troula, pero as Festas da Xunqueira de Cee arrincaban este pasado sábado cun pregón moi especial. Víctor Castiñeira foi recoñecido pola súa eterna labor de posta en valor do patrimonio da vila, e viviu un “un momento inesquecible”, como el mesmo nos conta. A resposta do público, ademais, ao seu longo discurso, foi espectacular polo que o historiador e técnico de Cultura do Concello, confírmanos que “non podo estar mais agradecido polas numerosas mostras de cariño”.

Broken Peach en Cee-Foto-Rafa Quintans
Broken Peach petándoo en Cee-Foto-Rafa Quintáns
Pili Pampin en Cee.Foto-Rafa Quintans
Pili Pampín xuntou aos máis maiores.Foto-Rafa Quintáns

Xa pasou pola praza Pili Pampín ou Broken Peach, e antes de ler o pregón do historiador, repasamos o que nos queda este luns 15 e martes 16 de agosto. Hoxe luns arrinca coa Banda de Música e a sesión vermú coa Metrópolis. A Banda de Música volverá abrir a noite ás 21:00h, para dar paso a La Banda de Ayer xunto á Metrópolis. E chegará ás 0:00h un dos momentos máis esperados, os fogos de artificio.

O martes sesión vermú coa Orquestra Compostela, que repetirá pola noite antes do Concerto Tributo a Miguel Ríos.

As actividades continuarán de contado co programa do Agosto Cultural.

Pregon das Festas da Xunqueira
Ateigada a Alameda para o pregón-Foto: Rafa Quintáns

O pregón

Sra. Alcaldesa Dna. Margarita Lamela, Sres. membros do goberno e da corporación municipal, ex-alcaldes, deán da basílica do Pilar de Zaragoza D. Joaquín Aguilar, párroco Don Desiree Koaukou, veciños e visitantes que nestes días estades en Cee para pasar estas datas tan especiais, sede todos benvidos e benvidas.

O primeiro, antes de comenzar co pregón, é darvos as grazas pola vosa presenza e polas felicitacións recibidas, grazas que dunha maneira moi especial teño que personificar na figura de quen nos representa a todos e que tivo a deferencia de convidarme este ano a exercer a función de pregoiro nun ano tan importante como o que estamos a vivir. Gracias Margot, gracias alcaldesa, por esta oportunidade, por este recoñecemento público na miña vila e diante de moitos amigos, familiares e veciños.

Loxicamente, estas festas da Xunqueira non son unhas festas máis, son as festas polas que levamos agardando moito tempo, exactamente 1.096 días, que son os que transcurriron desde o 13 de agosto de 2019, cando o excelente músico, gran amigo e mellor persoa, Fernando Fraga, daba comezo ás celebracións daquel ano nun acto como o que nos congrega hoxe aquí. No ano 2020 como ben sabedes non houbo pregón pero a cambio, o eminente médico ceense Francisco Blanco deunos consellos para afrontar con seguridade ese momento tan complicado que estabamos a pasar. Nas non festas do 2021, o poeta mariñeiro, Xosé Iglesias, fixo unha lembranza dese Cee ligado ó mar, dun Cee que as xeracións máis novas non chegaron xa a coñecer. Hoxe, por fin, nos volvemos a encontrar nesta alameda deixando atrás días moi oscuros, sentimentos encontrados, a inseguridade ante algo descoñecido como era a Covid, que en principio víamos como algo moi lonxano pero que en pouco tempo chegaría ás nosas vidas para quedarse como unha consecuencia máis desa globalización que acabará co mundo tal e como o coñecimos.

Aínda actualmente podemos dicir que esta batalla non está totalmente gañada e que, por desgraza, moitas persoas terán que convivir con secuelas en maior ou menor medida provocadas polo virus. Para eles, e para todos e todas os que nos deixaron nestes 1.096 días, moitos dos cales non puideron ter nin unha mínima despedida, especialmente as persoas falecidas durante o ano 2020, van adicadas estas primeiras palabras.
Confío en que nos estén contemplando felices ó carón de Nosa Señora da Xunqueira, quen nos agasalla con este Ano Santo Xubilar, previo a súa coroación canónico-pontificia.

Teño que confesarvos, por outra parte, que nunca pensei que me vería aquí, neste atril diante do micrófono como pregoeiro destas festas. A min, que levo traballando ou colaborando na organización das mesmas durante 22 anos, faiseme estraño ser o protagonista dun evento que levo preparando para outras persoas durante tanto tempo.

E das festas, como tales, e por vivilas tantos anos desde dentro, podería contarvos moitas anécdotas e curiosidades, pero creo que a miña elección como pregoeiro ten que ver máis co que eu vos poida contar, a modo de cronista, como historiador ou divulgador dos acontecementos do pasado da nosa vila, e non tanto como traballador municipal na área de cultura, polo que agora sí, e, co voso permiso, imos dar comezo ó pregón das festas da Xunqueira e San Roque deste ano 2022:

 

Nun pequeno lugar do occidente europeo houbo, fai máis de 700 anos, unha pequena comunidade en torno a unha ermida adicada a San Paio. Desde a paraxe na que estaba ubicada, Refoxos, podían ver o mar ó que se achegaban na procura de alimento só cando as condicións climatolóxicas e sobre todo, a seguridade, llo permitían.

A privilexiada situación xeográfica desta zona e as condicións naturais da ría, ó abrigo dos temporais, pronto faría que se establecera na beiramar un pequeno grupo de pescadores.

Estas terras, que pertenceron en época de Xelmirez á catedral de Santiago e máis tarde ó arcediago de Trastamara, pronto espertarían o interese dos diferentes navíos e comerciantes que na Baixa Idade Media surcaban estas augas atlánticas. Cando facían as súas paradas, ben para descargar algunha mercadoría con destino á propia catedral compostelá ou ó máis próximo mosteiro de Moraime, referíanse a este lugar co nome de Çe, ou o que o mesmo: “porto”.

Así, Çe, acabaría sendo o nome do primeiro asentamento estable ubicado na ría, concretamente no fondo da mesma. A importancia deste pequeno lugar iría medrando paseniñamente e xa aparecerá nomeado nos portulanos venecianos do século XIV.

Tamén debeu ser neste século XIV cando se erixiu o primitivo templo parroquial adicado a Santa María. Así o pensan diferentes investigadores da arte despois de estudar as características estilísticas e ornamentais da capela maior do templo ceense, o único que se salvaría tralo incendio cometido polas tropas napoleónicas o 21 de abril de 1809.

A devoción á Virxe María en Galicia xa comeza nos primeiros séculos do cristianismo, como se deduce dun texto de Paulo Orosio do século V e da tradición xacobea que a vincula co Apóstolo Santiago.

Os primitivos mosteiros fundados nos séculos VI e VII contribuiron á súa difusión, reforzada de maneira particular polas grandes ordes monásticas medievais. Por outra parte, o Camiño de Santiago foi a vía pola que chegaron a Galicia as devocións marianas procedentes de diferentes lugares de España e Europa.

Na Baixa Idade Media a devoción e culto a María coñece un extraordinario esplendor ata o punto de poderse afirmar que é nos séculos XIV e XV cando se orixinan a maioría das devocións marianas desenroladas na Idade Moderna.

No caso de Cee non hai dúbida de que así foi, e a construcción da igrexa de Santa María relacionase coas ordes mendicantes que aproveitarían o Camiño de Santiago para ir difundindo a súa mensaxe de fe e salvación.

E, de igual forma, o primeiro hospital fundado na vila polos pais de Diego de Muros III, para pobres e peregrinos, tamén estará baixo a protección da Virxe María.

A chegada da primitiva imaxe da Virxe da Xunqueira, seguramente a bordo dunha embarcación procedente do norte de Europa, debemos poñela en relación co contexto histórico que estamos a comentar, e co feito de que ó fronte da igrexa e da súa comunidade de fieis estaba o arcediago de Trastamara, alta dignidade eclesiástica na catedral compostelá que terá, ademáis, como señor da pequena vila, o control de todo o relacionado coa administración económica e xudicial dos seus habitantes.

Da súa man, Cee foi collendo relevancia o que fixo espertar a envexa e a cobiza dunha poderosa familia que vai a ir estendendo nas primeiras décadas do século XV o seu poder territorial por boa parte das antigas terras de Soneira e Nemancos: os Moscoso, logo Condes de Altamira.

 

O feito de que os Moscoso queiran controlar unha saída ó mar para lucrarse co comercio marítimo internacional e facerlle a competencia ó propio arcebispo de Santiago, fará que favorezan e promocionen un pequeno territorio que acabará sendo a capital dunha extensa xurisdición, a de Corcubión. Un dos poucos territorios que quedou fóra do seu control foi a xurisdición de Cee, formada polo casco urbano da vila xunto co lugar de O Son.

Xa desde a segunda metade do século XV, os habitantes de Cee comenzarán a sufrir determinados abusos por parte do novo veciño, sendo ésta a orixe dunha rivalidade histórica que

duraría décadas, e que, mal entendida, perpetuaríase durante séculos, se ben na actualidade parece estar felizmente superada. Así pois, non o tiveron doado os antigos moradores da nosa vila. O que en principio foi unha avantaxe, a súa propia ubicación no máis resgardado da ría, converteuse a partir da chegada dos Moscoso nun problema cando éstes pretenderon monopolizar o comercio controlando as cargas e descargas, tratando de impedir tamén que os pescadores de Cee puideran exercer pacíficamente o seu traballo diario na ría como levaban facendo desde moito tempo atrás.

As liortas eran contínuas e acababan normalmente a paus, pero os nosos antepasados non se deixaron amedrentar e sempre se rebelaron contra algo que era a todas luces inxusto, e así foron conseguindo manter a súa independencia a través de acordos parciais asinados entre os Condes de Altamira e os arcediagos de Trastamara. Éstes últimos, como señores de Cee, defenderían á nosa vila e ós seus veciños en diferentes pleitos na Real Audiencia de Galicia diante das ansias expansionistas procedentes do outro lado da ría.

A mediados do século XVI, tralos acordos dos anos 1547 e 1548 as cousas calmaronse por un tempo. Era arcediago de Trastamara Francisco Tavera Santillán, quen tivera unha mala carta de presentación en Cee nos seus comezos, ó intentar impoñer pola forza a súa vontade, se ben despois rectificaría e mesmo na hora de facer o seu testamento recoñecería a valía de moitos dos veciños de Cee polas boas obras e servizos realizados con él.

Por outra parte, ese ano 1547 ten unha especial carga simbólica para a nosa historia. Cee xa non é neste momento o pequeno lugar do que falabamos ó principio deste pregón. É unha vila urbana cun trazado e unha arquitectura ben definida no que destacaban a igrexa parroquial, o pazo do arcediago e algunhas casas das primeiras élites ceenses, con forte vinculación nalgúns casos coas vilas de Muros, Noia ou Santiago de Compostela.

E esa parroquia que ata entón era coñecida como Santa María de Çe, pasará a chamarse trala visita eclesiástica do Licenciado Velasco de maio dese ano 1547, xa fixo 475 anos polo tanto, Santa María de Xunqueiras, pola ubicación do templo nunha zona rodeada de xuncos.

Esa primeira igrexa parroquial, máis pequena que a actual, era dunha soa nave e tiña tamén unha única torre de campás. No seu interior, ricamente adornado, contaba con pinturas murais e ata seis altares con numerosas imaxes de santos e santas. Entre elas, algunhas que teñen as súas orixes na época medieval como san Bieito, san Lázaro ou a Magdalena e que se mesturaban coas novas devocións como San Telmo, a quen invocaban os mariñeiros ceenses, e que se atopaba no altar maior ó carón da propia Virxe da Xunqueira.

San Sebastián e San Xoan Bautista tamén gozaron de especial favor durante o século XVI e seguintes. O seu protagonismo duraría ata finais do século XIX e comenzos do XX cando gañen forza no culto ceense outras devocións como as de San Francisco, a Inmaculada Concepción ou San Xosé.

No caso da Virxe da Xunqueira, será no século XVIII cando a súa fama vaia máis alá do ámbito local. Ata ese momento, as celebracións máis importantes que tiñan lugar na nosa vila eran as da Semana Santa, Corpus e San Sebastián. Desta última podemos dicir que era a que máis se podería equiparar coa actual festa da Xunqueira, no sentido en que, ademáis da parte relixiosa tiña tamén unha parte lúdica en comunidade, xuntandose a maioría dos veciños arredor dunha mesa, que é como ós galegos nos gusta celebrar as cousas.

Da do Corpus, que aínda segue a ser festividade importante na maioría de Galicia, quédanos un magnífico palio restaurado o ano pasado, que fora mercado a finais do século XVII grazas ás xestións realizadas polo mestre de obras da catedral, o insigne arquitecto ceense, Domingo Antonio de Andrade, e a tradición das alfombras florais, que viviron os seus anos de esplendor no século pasado.

Pero como vos comentaba, a partir da segunda década do século XVIII, a Virxe da Xunqueira vai a ocupar o lugar principal na devoción dos veciños de Cee pero tamén un lugar destacado nos corazóns dos fieis da nosa comarca e tamén fóra dela. Esto último foi posible grazas ós nosos mariñeiros que navegaban, non só polos mares da Península Ibérica senón tamén polas posesións españolas en América, e tamén ós tratantes de encaixes, que xa desde finais do século XVII se desprazaban, ademáis dos segadores, ata terras castelás e andaluzas para vender as diferentes artesanías realizadas polas palilleiras ceenses e das parroquias próximas, moito antes de que o encaixe se recoñecera como ocorre na actualidade.

A promoción da nosa patroa polas altas dignidades eclesiásticas foi seguida con entusiasmo polo pobo ceense. Debemos salientar entre as primeiras, ós arcebispos Herrero Esgueva e Yermo Santibáñez e entre os arcediagos a Álvaro Eugenio de Mendoza Caamaño e Sotomayor, quen chegaría a cardeal en 1747, sendo nomeado posteriormente patriarca de Indias.

Nunha época na que a parroquia da Xunqueira era o elemento cohesionador da vila, todos os veciños poñerían da súa parte para reformar o templo ata convertelo nun santuario. E así foi a mediados do século XVIII cunha profunda transformación en consonancia co contínuo aumento de fieis e párrocos doutros lugares que veñen a oficiar misas no santuario da Aparecida como tamén se lle chama en algúns documentos. Ata se tivo que nomear un mordomo independente do da fábrica parroquial, dada a cantidade de ofrendas que se recibían, realizándose poxas todos os domingos do ano.

Todo o recadado reinvertíase en melloras no templo, construíndo a fonte de Nosa Señora, comprando tallas de santos e roupas, unha nova campá e outros ornatos para o servizo do santuario. E tamén se lle deu realce á parte máis popular da celebración con gaiteiros e as primeiras rodas de fogos e cohetes fai máis de 260 anos como antecedente das actuais festas da Xunqueira.

Serán as mellores décadas para Cee, que coincidirán coa chegada dos fomentadores cataláns modificando o tradicional sistema de recollida da sardiña, pero este período de bonanza económica comezaría a cambiar a finais de século, en gran parte polos problemas militares da Coroa en contínua guerra con ingleses ou franceses.

Esto causou un grave prexuízo ás vilas mariñeiras como a nosa, primeiro pola perda de brazos útiles para o traballo, dados os continuos reemplazos de mozos para os navíos reais; segundo pola inseguridade coa que se atoparán as embarcacións nas súas viaxes comerciais, tendo que armarse como buques corsarios para poder defenderse dos frecuentes ataques de barcos estranxeiros. En 1809, como ben sabedes, a vila de Cee, xunto coa veciña Corcubión, foi saqueada e incendiada nun dos episodios da Guerra de Independencia contra o invasor francés.

Todo canto tiña progresado Cee ata ese intre esvaeceuse de súpeto e o santuario da Virxe da Xunqueira quedou seriamente danado en canto a súa estrutura, perdéndose case que a totalidade das cousas de valor que nel se gardaban, incluíndo á propia imaxe da patroa.

Máis a destrución material non puido coa fe do pobo e pronto se acometería a reconstrución da igrexa ou santuario, chegando a Cee tres anos despois da queima a actual e fermosísima talla da Virxe da Xunqueira co seu Neno. Nela apréciase a influencia do gran artista Ferreiro sendo doada polo matrimonio formado por Pedro Antonio Díez Porrúa e Inocencia González de Lema.

Os Díez Porrúa monopolizaron durante máis dun século o poder na vila de Cee repartindose os diferentes cargos para a súa administración e impartición de xustiza. Rico comerciante e armador de barcos con patente de corso, Pedro Antonio e a súa dona doarían tamén cartos para refacer o retablo da capela maior e tamén mercarían a Virxe das Dores que podemos contemplar no Calvario no lado norte do templo ou procesionando no Xoves e Venres Santo.

Non pasaran 10 anos da desfeita cando o bergantín Nuestra Señora del Carmen de Manuel Rodriguez Mayán nunha das súas viaxes de regreso desde o Levante verase inmerso no medio dun gran temporal. Vendo perigar a súa vida e a da tripulación, así como a carga e o propio buque, o capitán ceense encoméndase á súa patroa e ofrécelle unha das partes máis importantes do barco para a navegación, o trinquete, e de súpeto, o temporal amainou.

Debeu ser emocionante estar na igrexa de Cee mentras se estaba oficiando a misa de acción de grazas cando toda a tripulación entrou descalza portando o trinquete en alto para ofrecerllo á nosa Virxe. Cos cartos recaudados trala súa subasta poideron poñerse novas, e de madeira de castaño, todas as portas do santuario sustituíndo ás de madeira de pino que se colocaran despois da queima.

A partir da segunda metade do século XIX e como resultado da lexislación liberal e o réxime desamortizador non soplarán ventos favorables para a Igrexa, en xeral, e as parroquias en particular, que perderán unha parte importante das súas propiedades e tamén das rentas derivadas dos cobros forais ou das misas de fundación. No caso ceense, o apoio económico para acometer as importantes reformas que experimentará o templo parroquial da Xunqueira nas ultimas décadas do século XIX e comezos do XX virán da man dos fieis e moi especialmente da emigración.

Neste punto sempre nos vén á mente un nome, o do benefactor Fernando Blanco de Lema, xa que o seu legado foi dun incalculable valor para Cee e a súa contorna. Máis no referente ás obras de ampliación da igrexa parroquial, ademáis das aportacións individuais de ceenses emigrados en Cuba, hai que salientar á unha figura, quizáis ensombrecida pola enorme obra deixada por Fernando Blanco.

Estoume a referir ó seu primo, Bartolomé Blanco Vilela, empresario en Nova York e que xa con anterioridade deixara no seu testamento unha doazón de 40.000 reais para a realización de obras na igrexa da súa vila natal e que serían empregados na construcción da actual fachada e campanario sur, sendo acabada a torre do norte grazas os donativos particulares e a outros 10.000 reais aportados polos albaceas de Fernando Blanco.

A diferencia deste último, Bartolomé si tiña numerosos parentes polo que foi máis complicado que se cumplisen todas as súas vontades testamentarias. A de fundar unha escola, para a que Bartolomé deixou unha manda de 140.000 reais, non puido levarse a cabo a pesar das reclamacións do párroco de Cee e dalgunhas autoridades. A fortuna deixada por este ceense finado nos EEUU foi cuantiosa e unha pequena parte desa herdanza que lle correspondía a unha das súas irmás, Josefa Blanco Vilela, sería reinvertida posteriomente polo seu xenro, Juan Cereijo, quen instalaría unha pequena central hidroeléctrica na zona do Carboal. Dela, saíu a luz eléctrica para a comarca, sendo Cee, o 1 de abril de 1906, unha das primeiras vilas alonxada das cidades en contar con este servizo. O século XX iniciouse coa ampliación da igrexa coas súas naves laterais da man do párroco Jesús Leiceaga, á que seguiría décadas despois outra máis, á da sacristía, grazas á xenerosidade de Alonso Escudero e Corona Caamaño. Era o ano 1931 e desde entón o templo parroquial tivo varias reformas que afectaron ó seu interior, a principal realizada na década dos 90 baixo o longo apostolado do sempre lembrado D. Manuel Vázquez Formoso.

Mentras tanto, a segunda metade deste século XX foi a do relanzamento da devoción na Virxe da Xunqueira e das propias festas. Foi decisiva a implicación de párrocos como D. José Pego coa novena especial celebrada no Ano Santo de 1950 ou D. Antonino Castro coa saída da Virxe por todos os lugares da parroquia na do ano 1971, como se a patroa buscase o reencontro coas súas orixes. A fama da Xunqueira voltou a traspasar as nosas fronteiras e os agasallos dos fieis e devotos chegaron desde diferentes cidades españolas, europeas e americanas.

Actualmente a devoción á Xunqueira goza de moi boa saúde e sen dúbida este Ano Xubilar contribuirá a darlle un novo impulso tanto ó seu santuario como á propia vila ceense.

Se botamos a vista atrás, podemos concluír que desde a colocación da 1ª pedra do instituto Fernando Blanco un 2 de agosto de 1880, Cee comenzaría un imparable proceso de modernización e crecemento que o levaría a converterse no que é na actualidade: a capital da Costa da Morte.

E isto non fai falta poñelo nun letreiro, nin nos mapas. Ata non hai tanto anos, se un viña por estrada desde A Coruña, o primeiro indicador de Cee atopábase xa na entrada da propia vila. Era como se para as autoridades e organismos oficiais non existisemos. Máis, todo o contrario, cun constante e esforzado traballo e superando numerosas dificultades chegamos ó século XXI nunha posición envexable. Despois do colexio- instituto Fernando Blanco virían outros fitos da nosa historia particular como a fábrica de Brens, a factoría de Caneliñas, os asteleiros Sicar, os centros educativos, o recheo da Seca, o mercado, a casa do concello, o centro médico, facenda, o hospital, que por certo foi nomeado co nome da nosa Virxe da Xunqueira, a piscina, ou a casa de cultura... A calidade e a cantidade dos servizos que hoxe se poden desfrutar en Cee é o que nos diferencia e converte por dereito propio en capital, porque así o decidiron os miles de persoas que cada ano veñen a Cee a estudar e realizar as probas de acceso á Universidade, a recibir atención sanitaria, á formarse no ámbito musical, a realizar diferentes xestións administrativas, ós nosos comercios e hostalería, ou simplemente de vacacións.

Porque Cee é Cultura, Educación e Excelencia, sí, pero tamén Compromiso, Esforzo e Empredemento, doutra maneira non sería doado explicar como poidemos chegar ata aquí. Por eso debemos poñer en valor a todas as persoas que, desde os anos finais da ditadura e durante todo o período democrático, contribuíron e seguen a contribuír, desde os seus postos de responsabilidade política, na alcaldía, concellerías municipais, Deputación Provincial, Xunta de Galicia, Cortes Xerais ou ata nos Ministerios, a que Cee sexa un lugar de referencia para toda a Costa da Morte.

Si algo aprendín indagando no pasado da nosa vila é o carácter forte que tiveron os nosos ancestros, que foron quen de sair airosos dos diferentes atrancos que o propio paso do tempo puxo no seu camiño: intentos de subordinación económica e territorial, guerras e ata unha pandemia que nos retrotrae ós tempos fundacionais desta vila cando as pestes eran algo habitual. Entón, aqueles antigos ceenses encomendaronse primeiro a San Sebastián e logo a San Roque. Agora é a Virxe da Xunqueira a que se nos achega como patroa desta vila e nai simbólica de todos nós co agasallo dun Ano Xubilar por primeira vez na nosa historia. E nisto tivo moito que ver o noso párroco, que como a Virxe, tamén chegou de fóra. Gracias, Don Desiree, polo seu incansable traballo e por colocar á Nosa Señora da Xunqueira e a Cee nun lugar de referencia tamén no ámbito espiritual, corroborando así esa preeminencia que ocupa a nosa parroquia como cabeza da unidade pastoral.

Fai algo máis de vinte anos, cando un pequeno grupo de persoas da comarca liderados polos alcaldes e a desaparecida asociación Neria comenzaron a reivindicar a prolongación do Camiño de Santiago hacia Fisterra e Muxía, tiveron que sortear non poucas dificultades. Hoxe en día ninguén pon en dúbida a positiva repercusión que o Camiño ten para moitas vilas e lugares. De igual forma confío en que as dúbidas e sorpresa inicial de moitos pola concesión deste Ano Xubilar quedarán disipadas nun futuro próximo, porque o Mesmo e a coroación canónica da Virxe da Xunqueira o vindeiro ano abrirán Cee a outro turismo, complementario do propiamente ligado ó Camiño Xacobeo, o dos santuarios marianos, dos que o templo de Cee pasa tamén a formar parte por historia, tradición e, agora, dereito.

Estamos diante dun dos acontecementos que quedarán marcados na nosa historia colectiva. Somos afortunados de podelo vivir e poderllo contar nun futuro ás vindeiras xeracións.

Contarlle que aquel pequeno lugar, Cee, naceu a carón dunha imaxe da Virxe co Neno, e que xuntos, vila e patroa, camiñaron da man durante séculos. Contarlle que os dous foron medrando e facéndose cada vez máis importantes ata o punto de ser Cee, a capital, o lugar de referencia nun amplo marco xeográfico, e que do mesmo xeito, esa advocación da Virxe da Xunqueira foi tamén medrando ata ser venerada nun santuario no que acabou sendo Coroada.

É pois, o momento de deixar atrás a pasividade, de conformarnos con ser uns simples espectadores. Para valorar e amar, primeiro hai que coñecer. Empecemos por esto último, o coñecemento, para sentirnos orgullosos de onde somos, de onde vimos, e así poder ser partícipes de algo tan pequeno como a sonoridade do seu nome, e tan grandioso á vez como o que supón na actualidade para moitos de nós ese mesmo nome: Cee.

 

Veciñanza e visitantes que nestes días ateigades esta vila da Xunqueira, xa están aquí as nosas festas patronais: vivídeas coa intensidade que se merecen. O programa das mesmas acolle actuacións e actividades para que todos e todas vos poidades sentir identificados, así que dispoñámonos a desfrutar coa familia, cos amigos, cos que nos rodean, dunhas xornadas únicas. Pensade que en Cee as xentes de máis idade teñen estas celebracións marcadas en vermello no seu calendario como algo longamente esperado e que cando nos queremos dar conta xa están a piques de rematar dando así comezo a un novo ciclo anual ata agosto do vindeiro ano.

Xa sabedes que cando pasa a Xunqueira, o inverno cheira, aínda que agora co cambio climático esto non sexa totalmente así. Así que, vou rematando cun poema inédito adicado á Virxe da Xunqueira que o párroco de Cesullas, Saturnino Cuiñas Lois, gran etnógrafo, folclorista, divulgador da cultura galega e autor do famoso Berro Seco no San Fins de Castro en Cabana de Bergantiños, lle escribiu fai 61 anos, despois de visitala no seu templo parroquial e xa de regreso na abadía de Cesullas. Títulase o poema Un día na vila de Cee , e dí así:

Ou Vila fermosa de Cee
agochadiña xunto á ría,
apousada estás descansando
na area e na xunqueiriña.

¡Cantos ceenses dende tempo,
che van alabando, viliña
polo mundo desconocido
como os bos fillos á naiciña!

O Colexio de D. Fernando
ensenouvos cultura prima
pra seres homes de proveito
pra non esquencervos da vila.

Aló abaixo cerca da praia
érguese elegante a igrexiña
de nosa señora a Xunqueira
de tantos recordos enchida.

Os ceenses todos tolean
pola bonita virxenciña
uns e outros con fe e obras
nela a confianza depositan.

Eu, que non hai muito ali estuven
invitóuseme a unha firma
no Libro D ́Ouro, e entregueille
meu corazón e a vida miña.

¡Virxen da Xunqueira de Cee!
cando m ́acordo queridiña
dos teus ollos e do teu Neno
teño soedades..., morriña.

 

Grazas polo voso tempo e paciencia, é hora de que a festa empece xa e que por uns días apartemos as preocupacións da vida diaria e sexan sustituídas pola alegría, a ilusión e a confraternidade.

Deséxovos de todo corazón que pasedes unhas excelentes festas da Xunqueira e San Roque e tende sempre presentes estas tres cousas:
Que viva a Xunqueira, que viva Cee e que vivan as súas xentes!

 

Máis información

Comentarios